No Día do dereito a saber, o Colexio de Xornalistas reclama avanzar no dereito de acceso á información

Este mércores 28 de setembro celébrase o Día Internacional do Dereito a Saber, unha xornada conmemorativa establecida en 2002 para concienciar á poboación sobre a importancia do dereito á información e impulsar sociedades abertas e democráticas nas que a cidadanía participe das decisións públicas. O dereito a saber, que garante o acceso á información das institucións, é unha ferramenta fundamental para a rendición de contas e o exercicio do dereito á información, recoñecido na nosa contorna desde a aprobación da Lei estatal de Transparencia, acceso á información pública e bo goberno no 2013 e pola Lei galega de transparencia e bo gobernó no 2016.
 
Malia a que a aparición desas leis signifiquen pasos positivo, cómpre avanzar máis no recoñecemento do dereito de acceso á información pública. Así, a normativa vixente, aprobada sen consenso, establece un período dun mes, excesivamente longo, para dar resposta á demanda de información, e considera o silencio administrativo como unha negativa, cando toda denegación debera ser debidamente xustificada para non atentar contra o dereito á información. No caso estatal, ademais, cómpre garantir o acceso á información económica, orzamentaria e estatística de todas as institucións, e non só aquelas directamente dependentes da Administración. Son necesarias, polo tanto, leis máis extensas e efectivas que garantan o acceso á información pública.
 
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidade de dereito público que representa aos xornalistas galegos segundo a lei 2/1999 de 24 de febreiro acordada polo Parlamento de Galicia, ten a obriga legal de velar pola independencia e a liberdade informativa en beneficio da sociedade galega, e de defender, conforme ao artigo 20.1 de la Constitución Española, o dereito á libertad de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia