O Colexio de Xornalistas reclama unha aposta institucional para erradicar o machismo dos medios galegos

Ás portas das eleccións municipais e europeas, a Xunta de Goberno do CPXG propón que as axudas públicas aos medios de comunicación teñan en conta o cumprimento dos Códigos Deontolóxicos e o compromiso editorial coa igualdade.

Lembrar a obriga de loitar pola erradicación da violencia machista, –obriga que se desprende de convenios internacionais como o de Beijing (1995) e Istambul  (2011), da propia Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero (2004) ou do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero (2011)– podería considerarse fútil, por ser tan evidente. Pero o desenvolvemento lexislativo, extenso e explícito, non semella ser suficiente para que as pegadas do sexismo e da discriminación desaparezan da prensa, a radio e a televisión.

Cónstanos que moitos medios de comunicación e moitas e moitos xornalistas galegos veñen facendo nos últimos anos un esforzo por incorporar a formación e a perspectiva de xénero nas súas redaccións e no tratamento dos temas máis sensibles que afectan ás mulleres. Nótase, na selección dos temas e no seu tratamento, que se percorreu xa parte do camiño, aínda que os obxectivos que fixa a lexislación sigan aínda no horizonte. 

Lamentablemente, o Colexio de Xornalistas de Galicia segue observando eivas e recibindo queixas de xornalistas, pero tamén de cidádans cada vez máis concienciados, que denuncian casos nos que os códigos deontolóxicos se incumpren sistematicamente e nos que non se respectan os mínimos principios éticos. O avance, como dicimos, é perceptible no tratamento informativo, pero a falta de respecto pola igualdade cóase aínda con demasiada frecuencia nas páxinas de opinión. Amparados nunha mal entendida liberdade de expresión, algúns autores –escasos pero habituais na prensa galega–, persisten nos seus ataques aos avances en igualdade, os seus exabruptos machistas e a súa incomprensión do que significa e o que o implica un fenómeno estrutural como a violencia psicolóxica, física e sexual exercida contra a muller.

Na nosa páxina web, a disposición de calquera que queira usalos, temos recollidos manifestos, decálogos, enlaces e todo tipo de ferramentas para abordar a información desde unha perspectiva de igualdade. Levamos anos, décadas xa, de percorrido e compromiso, desde moito antes da Declaración de Compostela en 2004, enviando cartas a xornalistas e editores de medios para advertir sobre tratamentos inadecuados. Temos feito campañas anuais e chamamentos constantes á ética profesional. E neste momento, chegou a hora de reclamar unha aposta definitiva das institucións para evitar que os medios sigan a reproducir o imaxinario patriarcal no que agroma a violencia e a discriminación.

Por iso, facemos un chamamento a todos os partidos, e en especial á Secretaría Xeral da Igualdade, para que as axudas aos medios estean supeditadas ao cumprimento dos principios éticos esixibles no respecto aos dereitos das mulleres. Coidamos que establecer uns baremos é tarefa dos lexisladores, previo debate e consulta profesional. Entendemos que precedentes como o RD 3/2004 ou a Directiva Europea 2014/25, que habilitan legalmente ás administracións para introducir criterios sociais na contratación e na concesión de axudas públicas, son un exemplo de que non existen obxeccións xurídicas para quen ten vontade de resolver un problema.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia