O Colexio de Xornalistas reclama xustiza no sexto aniversario da morte de José Couso

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reclama, seis anos despois da morte de José Couso, que se faga xustiza e que os responsables do ataque ao Hotel Palestina comparezan ante os xulgados para que a morte do cámara galego de Telecinco non quede impune.
José Couso foi asasinado o 8 de abril de 2003 cando o hotel de Bagdad que acollía á prensa internacional que cubría a guerra de Irak recibiu o disparo dun tanque do exército dos Estados Unidos. Canda el, tamén morreu o xornalista ucraíno Taras Protsyuk, da axencia Reuters.

A loita xudicial para que os responsables da morte de Couso comparezan ante a Xustiza comezou o 29 de maio de 2003 cando se presentou na Audiencia Nacional a querela contra militares estadounidenses. Hoxe, o caso segue aberto despois de que en maio do ano pasado o xuíz de instrución dese mesmo tribunal Santiago Pedraz decidise continuar adiante coas investigacións. Están pendentes as declaracións dos ex ministros Ana Palacios e Federico Trillo, segundo informou a familia.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol farán público o 16 de abril o nome do gañador da quinta edición do Premio José Couso á Liberdade de Prensa, que organizan coa colaboración de Caixanova. Nesta edición os candidatos son Rosa María Calaf, José Cendón, Denis Robert, Roberto Saviano e a comunidade xornalística do edificio da EiTB.

Os organizadores queren personalizar na figura de Couso a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)


Máis información: Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, 672 241 207