O Colexio de Xornalistas reivindica no Día Mundial da Radio a necesidade de implantar a radio dixital

O Día Mundial da Radio celebra este sábado 13 de febreiro a súa décima edición. Para celebrar este décimo aniversario e os 110 anos da radio en todo o mundo, a Unesco escolleu o lema "Evolución, innovación, conexión", que salienta a capacidade do medio radiofónico para resistir, adaptarse ás novas tecnoloxías e ofrecer un servizo á sociedade. Neste sentido, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar que o desenvolvemento da radio dixital segue a ser moi precario na nosa contorna e que o ano pasado os tribunais instaron á Xunta a convocar o concurso de licenzas DAB que lle foran asignadas.

A permanencia da radio como medio de referencia ao longo destes máis de cen anos está relacionada coa súa capacidade de se adaptar aos avances sociais e tecnolóxicos. A radio sobreviviu á irrupción da televisión e está a facelo tamén á irrupción dos novos medios dixitais, pero para iso é preciso impulsar medidas que favorezan a transición a novas posibilidades radiofónicas.

Malia a uns comezos prometedores, a nivel estatal, a radiodifusión sonora dixital terrestre segue a estar estancada logo de máis de 20 anos do Plano Técnico para a súa implantación. A cobertura, baixo a norma europea Digital Audio Broadcasting (DAB), está a penas reducida a Madrid e Barcelona, mentres que en moitas partes de Europa xa é a tecnoloxía maioritaria para a transmisión e escoita radiofónica, en transición en varios países cara ao sistema DAB+, e mesmo Noruega xa deu o paso do apagamento da FM. España corre o risco de se converter nunha illa analóxica no mar dixital da radio europea.

En Galicia, en xullo do ano pasado o TSXG ditou tres sentenzas distintas que condenaban á Xunta á convocar de novo o concurso para a concesión dos servizos de radiodifusión dixital. O anterior concurso foi declarado deserto aducindo que non se daban "as condicións de mercado adecuadas". As concesións de licenzas de radio analóxica seguiron a realizarse de maneira regular, pero as devanditas frecuencias dixitais continúan libres e sen novo concurso desde hai 15 anos, nun lastre claro para o desenvolvemento do medio radiofónico na nosa comunidade. As denuncias de tres empresas distintas que deron lugar as sentenzas do TSXG demostran que existe un interese en desenvolver a tecnoloxía aínda que se sigan sen dar pasos desde a administración. 

A evolución cara o contexto dixital é unha necesidade para a supervivencia do medio radiofónico e o mantemento dos moitos postos de traballo que dependen del. As distintas administracións deben estar á altura e impulsar inmediatamente a implantación da radiodifusión sonora dixital terrestre, a transición ao modelo DAB+ e a migración gradual do conxunto de ouvintes da radio analóxica, nun proceso semellante ao que se produciu co apagamento analóxico da televisión. As empresas mediáticas, pola súa banda, deben aproveitar as posibilidades que ofrece a radio dixital para presentar novos formatos e programas que se adapten ás necesidades das novas audiencias. Posibilitar a evolución tecnolóxica é a única maneira da que poderemos conseguir celabrar outros 110 anos de vida do medio radiofónico. 

Xunta de Goberno 
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia