O Colexio de Xornalistas reivindica no Día Mundial da Radio o potencial do medio para cubrir deportes minoritarios ou de proximidade

O Día Mundial da Radio celébrase este martes 13 de febreiro salientando o medio radiofónico e os deportes como factores para o desenvolvemento persoal. Con este motivo, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar a estreita relación que ten a radio coas retransmisións deportivas, e o seu papel á hora de informar sobre deportes minoritarios e categorías inferiores. 

No noso ámbito máis próximo, resulta difícil pensar na radio sen que veñan á mente tamén os deportes. Mesmo cando a televisión xa se convertira no medio máis extendido entre a poboación, a radio continuou a ser o escollido por miles de ouvintes para se informaren das retransmisións deportivas. A súa capacidade para estar simultaneamente en moitos lugares favoreceu a posibilidade de desfrutar a un tempo de distintos eventos deportivos. Do mesmo xeito, a desvantaxe que podía significar non dispór de imaxes volveuse un aliciente para unha forma de transmitir os deportes que mudou para sempre a linguaxe do xornalismo deportivo. 

Mesmo hoxe, cando os medios dixitais favorecen o acceso a retransmisións deportivas de todo o mundo, a radio segue a ter un papel clave á hora de informar sobre categorías inferiores ou deportes minoritarios, especialmente no caso daquelas zonas periféricas que non cubren outros modelos mediáticos. Con todo, aínda queda moito por facer. A Unesco lembra neste Día da Radio a escasa presenza do deporte feminino nas informacións, e a súa maior representación é unha reclamación perfectamente extrapolábel ao caso galego. Ante a globalidade do mundo dixital, a radio pode achegarnos o máis próximo e o máis invisibilizado do deporte, para pólo definitivamente en valor. 

Naturalmente, este futuro posíbel da información deportiva radiofónica require dun panorama que non estea marcado pola crise dos medios e pola mercantilización do deporte. O sector aínda está afectado polo debate que se deu no 2012 sobre a entrada das radios aos estadios de fútbol de 1ª e 2ª división masculina, resolto cunha victoria do dereito á información, pero tamén cunha taxa para o acceso dos operadores radiofónicos. Por outra banda, a existencia de concesionarias de licenzas que aínda non desenvolveran as emisións e o desmantelamento de emisoras e delegacións complica que a información poida abranguer todos os eventos deportivos que sería necesario. Unha vez máis, a información plural, tamén a deportiva, depende da estabilidade e a pluralidade de medios e xornalistas. 

O Día Mundial da Radio foi establecido pola Conferencia Xeral de la Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realizanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia