O Colexio de Xornalistas rexeita que as administracións públicas entren no accionariado de medios privados

Diante do debate aberto pola proposta do presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar, de que o organismo provincial merque accións do xornal La Región para axudar ós propietarios a afrontar a súa situación económica, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera que o feito de que unha Administración pública entre no accionariado de medios de comunicación privados cuestionaría gravemente a súa independencia informativa.
Os medios de comunicación públicos teñen uns mecanismos de control democrático xa de por si insuficientes, dos que carecería unha empresa mixta de capital público e privado. E así mesmo, recordamos que nin sequera moitas das axudas e subvencións públicas ós medios de comunicación se están outorgando coas condicións de transparencia, equidade e xustificación debidas.

A situación económica dun determinado medio de comunicación non pode ser o pretexto para unha medida deste tipo, e desexamos que os propietarios de La Región atopen solucións que garantan a súa viabilidade económica, incluídas as que calquera empresa pode requirir legalmente dos ámbitos públicos ou privados. Ese, e non as axudas discrecionais e presumiblemente irregulares, é o xeito de manter a continuidade de tódolos seus traballadores en condicións laborais dignas, así como o exercicio dun xornalismo independente.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)