O Colexio de Xornalistas solicita á Secretaría Xeral de Igualdade accións conxuntas para formar a xornalistas en materia de xénero

Francisco X. González Sarria, en representación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), remitiu esta semana unha carta a Susana López Abella para parabenizala polo seu novo nomeamento como Secretaria Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Na misiva, o decano do CPXG lembralle tamén a necesidade de estabelecer colaboracións para que o conxunto dos e das xornalistas galegas teña unha apropiada formación nas materias de xénero e igualdade, dado que desde o Colexio se seguen a atopar numerosos exemplos de prácticas inadecuadas no tratamento destas cuestións, en xeral, que perpetúan a normalización da desigualdade entre homes e mulleres.

Con este obxectivo, o Colexio de Xornalistas solicita á Secretaria Xeral de Igualdade unha xuntanza para avanzar nunha colaboración institucional que permita realizar actividades formativas especializadas en perspectiva de xénero que vaian dirixidas ao colectivo de xornalistas. A esta capacitación, imprescindíbel para unha sociedade igualitaria, o CPXG pode contribuír achegando ferramentas ás mais de mil colexiadas e colexiados que exercen o xornalismo na nosa comunidade. Neste sentido, o Colexio de Xornalistas xa se puxo ao comezo da lexislatura á disposición da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza, co obxectivo de estabelecer liñas de colaboración.

O Colexio de Xornalistas salienta que entre os seus fins se encontra o de velar pola ética e dignidade profesional e colaborar coa Administración en cuestións relativas ao exercicio profesional, e tamén que a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, recolle o papel primordial que deben cumprir os medios de comunicación social no eido da prevención desta violencia. Así mesmo, recorda que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero tamén sinala o "papel insubstituíble que cumpren os medios de comunicación", e estabelece como unha das medidas a impulsar a formación especializada en violencia de xénero para os e as profesionais dos medios de comunicación. 

CPXG