O Colexio de Xornalistas solidarízase co persoal do xornal 'La Opinión A Coruña'

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere manifestar o seu apoio ás reivindicacións do cadro de persoal de La Opinión A Coruña. As traballadoras e traballadores do xornal veñen de iniciar accións reivindicativas no cadro da negociación do convenio colectivo, ante o recorte de dereitos e a perda de poder adquisitivo nos últimos anos. 

As traballadoras e traballadores de La Opinión A Coruña tiveron os seus soldos conxelados entre 2010 e 2020, ademais de levar cos complementos de antigüidade tamén conxelados desde hai nove anos. Esta situación representou unha perda de poder adquisitivo dun 17% neste período, e os salarios actuais encóntranse mesmo por baixo do mínimo estabelecido polo convenio estatal de prensa. A empresa oferta unha equiparación co salario mínimo de grupo do convenio estatal, cunha suba salarial do 3% para 2025, xa recollida por este, e un incremento por domingo traballado de apenas 1,50 euros. Propoñen tamén a absorción dos quinquenios e os complementos personais, polo que se eliminaría a mellora das condicións por antigüidade. Ao tempo, propoñen que as novas persoas contratadas teñan unha categoría durante os tres primeiros anos que faga que cobren 7.000 euros menos ao ano, aumentando a precarización das e dos máis mozos. 

Ademais diso, as e os xornalistas denuncian que están a realizar horas extraordinarias non retribuídas e traballos por riba das súas funcións, mesmo chegando a exercer de xefes de sección sen remuneración extra. Aseguran tamén que nas seccións que contan con só dúas persoas unha delas pode verse obrigada a traballar até 15 días seguidos.

Reunido en asemblea, o cadro de persoal decidiu por unanimidade rexeitar a última oferta de convenio realizada pola empresa, que chegan a cualificar de "falta de respecto". Desde o 18 de setembro comezaron a realizar concentracións de protesta os mércores. O pasado 3 de outubro, as e os xornalistas do xornal comezaron unha folga de sinaturas en informacións, fotografías e gráficos para forzar á empresa a reconsiderar a súa última proposición. O 7 de outubro fixeron pública a protesta nas redes sociais e desde principios de mes convocan mércores e venres negros, nos que os e as traballadoras acoden ao seus postos de traballo vestidas desta cor e realizan paros de dez minutos tanto na quenda de mañá como na de tarde. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tense xa manifestado en moitas ocasións contra estes exemplos que inciden na precarización do mundo da comunicación. Moitas e moitos xornalistas ven como, ano tras ano, diminúe o seu poder adquisitivo, e isto vai en detrimento directo do dereito á información da cidadanía. Só cunhas condicións laborais dignas é posíbel un xornalismo de calidade, e é tempo de que as empresas informativas decidan se só buscan aumentar o seu rendemento inmediato a base da mingua de dereitos ou se, pola contra, queren contribuír á loita a longo prazo contra a precarización e o descrédito da nosa profesión. Por todo iso, o CPXG solidarízase co persoal de La Opinión A Coruña e chama a Prensa Ibérica, propietaria do xornal, a reconsiderar a súa proposta para ofrecer un salario xusto ás traballadoras e traballadores. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia