O Colexio de Xornalistas traslada aos principais partidos as necesidades da profesión en Galicia

Sede do Parlamento de Galicia (Foto: Albert galiza)

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia enviou aos principais candidatos e candidatas a presidencia de Galicia das forzas políticas con maiores expectativas electorais unha carta na que lles transmite as súas preocupacións sobre a profesión xornalística e lles traslada algunhas medidas para garantir o dereito á información. 

Na misiva faise referencia aos principais retos que afronta o xornalismo en Galicia, como a aprobación do Estatuto do Xornalista Profesional e a Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía, o modelo de medios públicos, o acceso á información pública, a xestión da información electoral, as axudas aos medios e a publicidade institucional ou a creación do Consello da Comunicación de Galicia. 

Este é o texto completo da carta remitida aos candidatos e candidatas:

Estimado/a candidato/a,

Dirixímonos a vostede, en calidade de candidato/a á Presidencia da Xunta de Galicia, para facerlle chegar ás nosas inquedanzas.

Como sabe, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) é unha entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

Son funcións do Colexio afondar na mellora das condicións nas que os/as xornalistas levan a cabo os seus traballos; a defensa profesional dos seus membros; garantir a independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega; defender, de acordo co artigo 20.1 da Constitución Española, o dereito á liberdade de información e de expresión garantidas a tódolos cidadáns; salvagardar a sociedade de informacións que tendan a deformar voluntariamente a realidade dos feitos e poñer especial acento na defensa do segredo profesional e na aplicación da cláusula de conciencia, como tamén recolle a Constitución, entre outros.

Por este motivo, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere reclamar de tódolos partidos políticos concorrentes ás Eleccións Autonómicas de 2016 as seguintes premisas para garantir o dereito da cidadanía a recibir información veraz e dos/as xornalistas a desenvolver o seu traballo nun estado libre e democrático, tendo en conta que o dereito a información é un dos dereitos fundamentais de todo cidadán/a:

1. Estatuto do Xornalista Profesional. Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía. A súa aprobación é unha das materias pendentes. Dende Galicia tense que impulsar a súa definitiva consagración. Só así se poderá garantir que os/as xornalistas realicen o seu traballo con liberdade e independencia.

2. Medios Públicos Galegos. O CPXG leva, practicamente desde a súa constitución, traballando nun novo modelo de medios públicos que garanta a súa independencia e pluralidade. O Colexio participou no proceso de elaboración da Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia pero, case cinco ano despois, aínda non se implementaron algunhas das súas disposicións máis importantes. Entre elas, o establecemento dun estatuto profesional e dun consello de informativos, a elección do/a director/a xeral da CRTVG por maioría parlamentaria reforzada ou a posta en marcha dunha autoridade audiovisual independente. O cumprimento íntegro da Lei é imprescindible para avanzar na profesionalización e desgobernamentalización dos medios públicos e garantir o acceso da cidadanía a unha información veraz, plural e independente. 

3. Acceso ás fontes. O CPXG salienta a necesidade do dereito dos/as informadores/as a ter acceso á información. Para iso é crucial elaborar unha lei de transparencia informativa que garanta o acceso á información pública. Sen ela, a información recibida pola cidadanía pode ser nesgada e estar polo tanto negándoselles un dereito básico. 

4. Bloques electorais. O CPXG quere lembrar ós partidos concorrentes ás eleccións que a información non pode estar sometida ós criterios de emisión de propaganda electoral que determine a Xunta Electoral. Tampouco pode estar restrinxido o acceso libre de cámaras e redactores/as ós actos públicos, baixo a escusa de que a organización facilita xa as imaxes ou o contido das intervencións. Ámbalas dúas prácticas impiden que o/a xornalista poida exercer o seu papel de mediador/a, de responsable da información. No primeiro dos casos, quen debe velar polo carácter democrático e plural da información teñen que ser organismos independentes de defensa do dereito á información, como son os Consellos Superiores do Audiovisual.

5. Axudas ós medios galegos. O CPXG elaborou unha proposta para as axudas ós medios galegos que, no seu momento (http://xornalistas.gal/novas-eventos/novas/proposta-do-colexio-de-xornalistas-para-obxectivar-a-concesion-de-axudas-aos-medios/), entregou a todos os grupos parlamentarios. Realizouse coa perspectiva de contribuír ao fortalecemento do noso sistema de comunicación e á súa democratización, que terá na calidade, no pluralismo e na diversidade de modelos o seu verdadeiro norte. 

6. Publicidade Institucional. Ao fío do anterior punto, o Colexio de Xornalistas ten en perspectiva a realización dunhas xornadas nas que establecer os criterios e regulamento da publicidade institucional.

7. Consello da Comunicación de Galicia. O Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, elaborado polo CPXG e aprobado por unanimidade en Asemblea Xeral, sinalaba a necesidade da creación dun Consello da Comunicación de Galicia, organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos que defenda a sociedade dos intentos de limitar o dereito dos cidadáns á liberdade de expresión e de información, mediante actos ou opinións dirixidos a restrinxir ou influír lesivamente na libre actividade dos medios de comunicación e de quen traballan neles.

Agradecendo de antemán a súa atención, reciba un cordial saúdo.

CPXG