O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apela á forza da razón e á opinión pública para dicir non á guerra

En momentos marcados pola ameazadora sombra das bombas e os intensos e prolongados preparativos para a guerra -chamada "preventiva" contra Iraq- impulsados polos gobernantes de Estados Unidos, Reino Unido e España, á marxe do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera o seu deber subliñar o seguinte:
1.- A necesidade de respectar o dereito á vida, á paz, á seguridade e á liberdade de toda a cidadanía, calquera sexa a súa nacionalidade.

2.- Respectar e potenciar o papel das Nacións Unidas, creadas precisamente para evitar o recurso á guerra.

3.- Proclamar o valor da palabra, o diálogo e os principios éticos para superar as diferencias, recurrindo sempre a procedementos disuasorios distintos da agresión e da guerra.

4.- Apelar á forza da razón e non á razón da forza, tal e como reiteraron insistentemente millóns de homes e mulleres, en Galicia, en España e en todo o mundo -a opinión pública mundial- para deixar claro o NON Á GUERRA.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2003.