O Consello de Informativos denuncia "represalias" contra un xornalista de TVE

Protesta para esixir a emisión dos audios de Fernández Díaz en TVE (Foto: Consello de Informativos)

O Consello de Informativos denuncia o que considera unha "nova purga" contra un xornalista de Informativos da canle pública. Trátase de Gabriel López, trasladado a Los Desayunos tras varios enfrontamentos coa dirección do Telediario

O Consello de Informativos de Televisión Española realizou esta semana unha nova denuncia polas presións contra un xornalista da corporación pública. Neste caso, trátase de Gabriel López, redactor de Nacional, que tería sido trasladado "de maneira forzosa", segundo o Consello de Informativos, ao programa Los Desayunos que presenta desde esta tempada Sergio Martín.

Sempre segundo o Consello, as razóns deste traslado estarían en pasadas discrepancias cos directores do Telediario e, especialmente, na actuación de López nunha información sobre as gravacións ao Ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz. O xornalista tería discrepado da decisión de non emitir as gravacións na peza informativa sobre o caso, retirando a súa sinatura como protesta. Ante este feito, os directores optaron por non emitir a peza.

O Consello de Informativos xa reclamou daquela a dimisión da dirección de Informativos pola "ocultación e o tratamiento parcial da información". Uns meses antes, en febreiro, o xornalista solicitara tamén o amparo deste órgano logo de que a dirección modificara o enfoque dado a unha información sobre a paralización da retirada dos símbolos franquistas en Madrid.

CPXG