O CPXG apoia as concentracións convocadas para o 3 de maio en defensa do xornalismo

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) apoia as concentracións que se teñen convocado para o vindeiro 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, baixo o lema "Sen xornalistas non hai xornalismo; sen xornalismo non hai democracia".
O CPXG entende que a precariedade laboral, a redución dos cadros de persoal e a desaparición de medios de comunicación, como consecuencia da crise económica, están lesionando a calidade da información e a pluralidade editorial. Ao mesmo tempo, e tamén como consecuencia da crise, as empresas xornalísticas son máis vulnerables ás presións económica e políticas.

Esta situación coincide no tempo co espallamento de actos que limitan a acción dos informadores ó impedir que se lles formulen preguntas ós convocantes deses actos.

A consecuencia directa destes feitos é que, na práctica, se está a debilitar o dereito dos cidadáns a recibiren unha información independente, veraz e plural, malia estar recoñecido e garantido na Constitución Española.

A Xunta de Goberno do CPXG considera que, a maiores da denuncia da actual situación profesional, é preciso concienciar aos xornalistas e reclamar a empresas e institucións instrumentos que contribúan á mellora do desempeño do noso oficio. En concreto, vén defendendo a redacción dunha Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía e a creación de comités de redacción como ferramentas que axudan a garantir a calidade das informacións e os dereitos dos cidadáns.

A convocatoria das concentracións está impulsada pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España, segundo o acordo da súa asemblea do pasado 14 de abril.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia