O CPXG critica o regulamento de acreditacións do Congreso e pide un diálogo con todas as organizacións
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar a súa disconformidade co documento aprobado pola Mesa do Congreso destinado a regular o sistema de acreditacións parlamentarias.
Saudamos a iniciativa para expulsar do Congreso a axitadores e activistas que nada teñen que ver co xornalismo, pero consideramos que os criterios recollidos neste texto resultan restritivos e discriminatorios, ao excluíren os medios de menor dimensión empresarial sen valorar a súa profesionalidade nin a súa audiencia real. Do mesmo xeito, quedan tamén nunha situación de marxinación aqueles proxectos xornalísticos que empregan fórmulas innovadoras e plenamente lexítimas, como a radio dixital ou plataformas de difusión en liña como YouTube, que forman parte do ecosistema informativo actual.
Así mesmo, lamentamos que o documento propoña un sistema de consultas baseado nunha minoría de profesionais, sen dar cabida ao conxunto do sector nin ás organizacións que representan de forma plural a profesión.
Por todo isto, demandamos a apertura inmediata dun diálogo real e efectivo con todas as organizacións profesionais do xornalismo, diálogo que ata o de agora non existiu, co obxectivo de revisar e corrixir o documento.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reitera a súa disposición a colaborar activamente para que a futura regulación das acreditacións parlamentarias sexa xusta, inclusiva e respectuosa cos principios básicos do xornalismo democrático.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia