O CPXG critica que na convocatoria da USC para unha "listaxe de espera da categoría profesional de xornalista" non sexa requisito a titulación de xornalismo

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) denuncia que vén de convocarse un "proceso de selección para a elaboración unha listaxe de espera para a categoría profesional de xornalista" para "atender as posibles necesidades que xurdan no Gabinete de Comunicacións" na Universidade de Santiago" na que non consta como requisito a titulación específica de xornalismo senón que esta é valorada unicamente como mérito.
Así, e tal e como consta na convocatoria pública como requisitos dos aspirantes no sinalan "estar en posesión do título de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalentes". Tan só no apartado de valoración de méritos se fai referencia ás titulacións específicas (licenciatura en Ciencias da Información, rama xornalismo; Licenciatura ou grao en calquera das seguintes titulacións: Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Publicidade, Relacións Públicas ou Licenciatura en Ciencias da Información), sendo estas titulacións puntuadas cun máximo de 1 punto fronte aos 5 puntos máximos cos que se valora a experiencia relacionada co contido da praza.

O CPXG considera especialmente grave que a Universidade de Santiago, que conta entre as súas titulacións e graos Xornalismo e Comunicación Audiovisual impartidas na Facultade de Ciencias da Comunicación non considere estas como requisito para o acceso a listaxe de espera para prazas do seu propio gabinete de comunicación na categoría profesional de xornalista. Esta convocatoria prexudica gravemente a imaxe dos titulados na propia universidade xa que demostra que ela propia non valora a súa formación como requisito para o seu propio corpo laboral, e atenta contra a imaxe profesional de todo o colectivo que representamos.

Lembramos que o requisito da titulación de xornalismo na convocatoria pública de prazas é unha vella demanda do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en ten denunciado os casos nos que isto ocorre, mesmo en instancias xudiciais. Neste caso, nun momento no que os periodistas estamos a ser do grupo máis castigado pola crise, que esta condición non conste nunha convocatoria da propia universidade que expide o título é especialmente lamentable.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia