O CPXG defende a liberdade de expresión no caso da viñeta de Díaz

O Colexio de Xornalistas, a través do seu decano, Xosé Manuel Vega, pronunciouse sobre a polémica suscitada pola decisión da Concellería de Muller de levar ó Servizo Galego de Igualdade e ó Instituto da Muller unha viñeta na que se caricaturizaba, como boneca recortable, á 1ª tenente de alcalde, Yolanda Díaz.
Neste senso, o responsable do órgano colexial manifestou que o Colexio, loxicamente, "está interesado en que se poda exerce-la crítica e a liberdade de expresión e, á vez, se respecte o dereito á propia imaxe e á dignidade". Se ben sinalou que neste caso, ó ser Díaz un persoeiro público "ten que saber que está sometida á crítica e á trascendencia pública do seu comportamento", insistiu en que "respectamos que ela se poida sentir agredida".

Xosé Manuel Vega incidiu reiteradamente en que, cando unha persoa que é obxecto dunha información se sinte agredida nalgúns dos seus dereitos básicos como persoa, ben á propia imaxe ou á dignidade, "ten que recorrer ás terceiras instancias, isto é, un xuíz" para determinar se, efectivamente, a persoa que exerceu o dereito á crítica e á liberdade de expresión atentou ou non contra a súa dignidade".

"Nos descoñecemos as anteriores viñetas publicadas pola revista sobre outros persoeiros da vida política de Ferrol, pero se estas teñen as mesmas características que as da concelleira en cuestión, é difícil dicir que isto sexa un acto de terrorismo misóxino", puntualizou o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia; pero repito, non coñecemos as viñetas anteriores, pero tampouco é obxecto do Colexio determinar que é misoxinia ou non". Por iso, Xosé Manuel Vega incide en que "pode ser máis ou menos acertada, o seu autor ten dereito á liberdade de expresión e de crítica, e se quen é criticado se sinte agredido ou menoscabada a súa imaxe, loxicamente deber acudir ó xuíz".

En relación coa campaña da Concellería de Muller para recoller aportacións sobre o que se consideran boas e malas prácticas dos medios de comunicación en temas como o da violencia á muller, Vega subliñou que "non calquera forza política pode determinar cales son os límites que non se deben sobrepasar ó exercer o dereito á crítica e á liberdade de expresión, e que está ben ou mal, senón os xuíces, pois non calquera está cualificado para iso".

"Arrastramos unha cultura machista e todos temos moito que aprender para desterrar os nosos hábitos e comportamentos", manifestou o decano do Colexio, Xosé Manuel Vega.

DIARIO DE FERROL