O CPXG demanda do Goberno de Zapatero o cumprimento do compromiso de manter os centros e delegacións de TVE e RNE en Galicia

Para a consolidación e reforzamento dun espazo de información e comunicación de servizo público en galego é de urxente necesidade a posta en marcha dunha segunda canle da TVG.
O compromiso anunciado polo actual presidente do goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, cando afirmou "é unha obriga de servizo público manter unha estructura territorial que dea resposta ás necesidades informativas nacionais, autonómicas e locais" quedará nun grave incumprimento se a actual dirección de RTVE e da SEPI levan adiante a proposta de centralizar as emisións en Madrid. Isto significaría a desaparación das desconexións de TVE en Galicia e por tanto a supresión dos programas e informativos que se veñen realizando diariamente na cadea pública estatal en Galicia. Para RNE significaría prácticamente a desaparición das emisoras provinciais deixando unha única emisora en Galicia con funcións de simple delegación.

Estas previsións significarían na práctica o desmantelamento en Galicia dos medios de comunicación públicos de titularidade estatal e a perda do 60% dos postos de traballo dos profesionais empregados nos mesmos. O CPXG entende que é unha obriga constitucional imposta a tódolos gobernos de España a promoción e difusión da pluralidade política, lingüística e cultural das nacionalidades e comunidades autónomas que conforman o estado das autonomías. Esta obriga adquire un especial significado naquelas nacionalidades con lingua propia como é o caso de Galicia.

O CPXG agarda que o presidente do goberno manteña os compromisos anunciados públicamente e non se deixe someter a outros intereses que tratan de converter os medios de comunicación públicos en medios irrelevantes social e políticamente. Se finalmente non cumpre ese compromiso o CPXG considera imprescindible que desde as institucións do goberno de Galicia se adopten as medidas precisas e se impulse a posta en marcha da segunda canle da TVG para evitar que a función de servizo público que deben cumprir os medios de comunicación de titularidade pública non se vexa mermada para os cidadáns galegos.

O CPXG reitera unha vez máis a súa defensa dus medios de comunicación públicos verdadeiramente democráticos como garantes da satisfación do dereito constitucional que temos todos os cidadáns a recibir información veraz, plural e contrastada. Ós medios públicos democráticos debémoslles esixir que poñan a información ó servizo dos cidadáns por enriba de calquer outro interese e que difundan o pluralismo e os valores democráticos da crítica e a razón.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2006.

Xunta de Goberno

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)