O CPXG e a Fundación Barrié publican recomendacións para mellorar as relacións dos medios e o terceiro sector

Grupo de traballo no Networking 'Coñecerse para comprenderse' (Foto: Fundación Barrié)

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Fundación Barrié fan públicas as conclusións do networking "Coñecerse para comprenderse", no que participaron, o mércores 18 de outubro, xornalistas e representantes de entidades sociais galegas. O documento insta ás asociacións do terceiro sector e aos comunicadores a avanzar no coñecemento mutuo e colaborar no obxectivo de servir a un ben maior. 

Os xornalistas e representantes do terceiro sector reunidos o pasado mércores 18 de outubro no networking "Coñecerse para comprenderse" redactaron un documento de conclusións da xornada, no que se recolle como principal premisa "que entidades do terceiro sector e xornalistas coñezan o papel de cada quen e colaboren no obxectivo de servir mutuamente a un ben maior, o social".

O documento de conclusións recolle unha serie de recomendacións para os medios, entre as que se encontran as de dispor de profesionais para comunicar o seu traballo, facilitar sempre o contacto cunha persoa que exerza de voceira, presentar unha memoria anual e contar cun plan de comunicación ou realizar actividas extraordinarias que visibilicen o seu traballo. Faise un chamamento tamén a que as asociacións entendan o funcionamento dos medios e teñan unha actitude proactiva para propór temas.

No que fai aos medios, incídese na importancia de coñecer o terceiro sector e recoméndase contar cun directorio de entidades, con contactos accesíbeis nun horario amplo. Saliéntase especialmente a necesidade de evitar os estereotipos e a estigmatización e coidar a linguaxe, para o que se recomenda dispór de decálogos sobre o tratamento informativo para consultar no caso de dúbidas, ademais de fomentar a especialización dos xornalistas. Condénase ademais a práctica de ofrecer publicidade a cambio de información que aínda se dá nalgúns medios.

O networking "Coñecerse para comprenderse" está encadrado dentro do programa da Fundación Barrié Que facer para comunicar mellor desde o Terceiro Sector social, que se iniciou o martes 26 de setembro cun obradoiro, de carácter eminente práctico, para proporcionar ás entidades sociais consellos e ferramentas que lles permitan mellorar a comunicación das súas accións.

CPXG