O CPXG e as xornalistas de CCOO organizan a xornada 'Os medios públicos galegos no marco normativo europeo' o vindeiro luns 7 en Santiago

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Agrupación de Xornalistas de Comisiones Obreras (CCOO) promoven a xornada Os medios públicos galegos no marco normativo europeo para analizar as implicacións da Lei Europea de Liberdade de Medios nas radios e televisións públicas. O acto, encadrado no actual debate sobre o futuro da CRTVG, desenvolverase o luns 7 de outubro a partir das 16:30 no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (Avenida de Castelao, s/n), e contará coa participación de diferentes expertos estatais e europeos. 

A xornada dará comezo cunha presentación, tras a que se celebrara ás 17:00 horas a primeira ponencia, baixo o título "A Lei Europea de Liberdade de Medios de Comunicación (EMFA)". Nela, van intervir a alemá Renate Schroeder e a croata Maja Sever, directora e presidenta, respectivamente, da Federación Europea de Xornalistas (EFJ). Ambas as dúas xornalistas participaron activamente no proceso que deu lugar ao regulamento europeo e explicarán ao público galego o que esta normativa comunitaria, de obrigado cumprimento para todos os estados membros, pode significar para o futuro dos medios públicos, nunha intervención que estará presentada por Marta Barcenilla, responsábel da Agrupación de Xornalistas de CCOO.

Ás 18:15, logo dun pequeno descanso, desenvolverase a segunda parte da xornada: a mesa redonda "O caso CRTVG", na que representantes de distintos medios públicos do Estado debaterán sobre a situación da corporación galega no cadro do novo regulamento europeo. Neste coloquio van intervir Luis M. Lombardo, responsábel de comunicación de CCOO Madrid e traballador de Telemadrid; Carolina Pecharromán, editora de igualdade dos servizos informativos da Radiotelevisión Española e membro da Agrupación de Xornalistas de CCOO; Montse Montaos, integrante do Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia e do Grupo de Expertos en Radiodifusión (BREG) da EFJ; e Nil Via, xornalista de Catalunya Ràdio e membro do grupo de medios públicos do Col·legi de Periodistes de Catalunya. O debate estará moderado pola decana do CPXG, Belén Regueira. 

Este acto encádrase no actual debate sobre a aplicación da Lei Europea de Liberdade de Medios de Comunicación aos medios galegos, logo da presentación do Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital por parte da Xunta de Galicia, e quere contribuír a dar a coñecer de maneira axeitada o que este regulamento significa para a radio e televisión de Galicia. A asistencia á xornada é libre e gratuíta, pero recoméndase a inscrición nos correos electrónicos xornalistas@xornalistas.gal e periodistas@fsc.ccoo.es, para poder recibir un certificado de asistencia e a efectos de facillitar a organización. 

CPXG