O CPXG esíxelles á Xunta e ós medios de comunicación galegos que poñan a información ó servizo da cidadanía e da verdade

O dereito á información é a outra cara do dereito ó sufraxio. O deber de calquera goberno democrático é garantir que tódolos cidadáns teñan acceso libre e continuado a información veraz e plural sobre a actividade do goberno, das forzas da oposición e a tódolos indicadores obxectivos da realidade política, económica, social e cultural do país e da súa inserción no mundo. Ese acceso á información é imprescindible para a conformación democrática da opinión, que é a que acabará decidindo o sentido do voto. Cando isto non é así, cando o contido da información está mediatizado por intereses que poden ser contrarios á busca da verdade, o dereito ó sufraxio queda reducido á expresión formal dun ritual carente de verdadeira esencia democrática.
A recente publicación das últimas subvencións que, discrecionalmente e á marxe de calquera control parlamentario, a Xunta lles concede ós medios de comunicación privados galegos –e algúns que non son nin galegos- non fai máis que dar un novo argumento para sustentar o que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) vén demandando con insistencia desde hai tempo: é imprescindible e inaprazable establecer límites diáfanos e regras de xogo claras nas relacións entre a Xunta e os medios de comunicación privados de Galicia. Mentres isto non sexa así, é licito pensar que o principal obxectivo dos medios de comunicación e privados galegos –salvo honrosas excepcións- é en gran medida o do partido que goberna: que ese partido se manteña no poder.

Se as subvencións ós medios de comunicación privados son necesarias para crear, reforzar e soster un espazo de comunicación propio de Galicia, ten que aprobalas o Parlamento e seren obxectivas e transparentes. A renovación das mesmas non pode depender do comportamento máis ou menos dócil de cada medio de comunicación con respecto ó goberno da Xunta. Deberán levar ademais implícitas contrapartidas obrigadas por parte dos titulares dos medios. Estes non poderán seguir usando e abusando da precariedade laboral como fórmula de obtención de diversos beneficios, porque esa precariedade do xornalista supón unha degradación da calidade da información e, o que é peor, unha vulneración do dereito constitucional a recibir información veraz e plural. O compromiso dos medios de comunicación galegos co uso da nosa lingua deberá ser outra das contrapartidas por recibir axudas públicas. Pero, por enriba de todo, os axentes que interveñen en Galicia no proceso informativo -poder político, responsables dos medios públicos, propietarios dos medios privados e xornalistas- deben ter claro que a súa primeira e soberana obriga é a busca e transmisión da verdade; que a quen lle deben lealdade, por enriba de calquera interese ou beneficio, é á cidadanía, a auténtica propietaria da información, e para iso nunca deben aceptar un sistema de relacións co poder que comporte na práctica unha compravenda da información. Porque non hai soborno senón hai alguén que se deixe sobornar.

As concesións dixitais

Para impedir o que, de levarse adiante, sería un acto de goberno carente de lexitimidade democrática, o CPXG vólvelle esixir á Xunta que retrase a concesión de novas licencias de radio e televisión dixital ata a vindeira lexislatura. O Congreso dos Deputados aprobou onte, dous de xuño, a Lei de medidas urxentes para o impulso da TDT que prorroga o período de concesión desas licencias ata o 31 de decembro; por tanto, o argumento de que teñen que estar concedidas antes do catro de agosto xa non serve. Unha medida de tanta transcendencia non pode ser tomada por un goberno en funcións cando non existe xa ningunha premura de prazos. De levarse adiante con tanta urxencia inxustificada, só cabería pensar que ese acto non busca o aumento do pluralismo: podería buscar a blindaxe mediática do partido que goberna, o pago de favores ou outra forma de subvencións a medios privados carente de transparencia, contrapartidas e garantías.

As esixencias do CPXG

Como corporación de dereito público encargada de defender a dignidade dos xornalistas e velar polo dereito dos cidadáns a recibir e dar información veraz, completa e plural, o CPXG pon en coñecemento da sociedade galega esta situación e reitéralles algunhas demandas concretas ás forzas políticas que concorren a estas eleccións. Esiximos dar pasos efectivos na democratización do dereito á información en Galicia. É imprescindible consensuar un novo modelo de medios públicos galegos, independente do poder político para que estean ó servizo da cidadanía e do desenvolvemento democrático, social, económico e cultural do país. Ó mesmo tempo é inaprazable que se fixen medidas que impiden comerciar co dereito á información dos cidadáns e eviten mercar con cartos públicos trato de favor informativo por parte do partido que goberne en Galicia en cada momento. Esixencia esta que é extensible ós responsables dos medios de comunicación para que non acepten participar nese tipo de transacción antidemocrática.

O obxectivo do CPXG é que o dereito á información teña unha expresión democrática plena en Galicia, pero, mentres isto non sexa así, temos a obriga legal de denunciar aquelas actuacións que están danando ese dereito que é de toda a cidadanía e non só dos xornalistas, que tamén debemos esforzarnos por acentua-lo noso compromiso coa busca da verdade.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2005

Xunta de Goberno do CPXG