O CPXG expresa a súa fonda preocupación polo futuro dos medios públicos

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), por mandato da súa XI asemblea, expresa a súa fonda preocupación polo futuro dos medios públicos, ante propostas que se están barallando no debate público como a privatización das televisións autonómicas ou os recortes orzamentarios na RTVE.
O CPXG entende que os medios públicos teñen unha función social e mesmo democrático na que deben contribuír a garantir o dereito dos cidadáns a recibiren unha información plural, veraz e independente, allea a condicionantes económicos ou de grupos de presión.

O Colexio fai un especial chamamento á defensa da CRTVG como medio público e galego, que ten nestas características a súa razón de ser: o uso e defensa da lingua e cultura propias do país. Calquera desviación deste enfoque fundacional cuestiona a esencia da CRTVG.

A compañía ten ademais unha función económica como elemento dinamizador do sector audiovisual e de creación de postos de traballo. E é percibida polos cidadáns como a súa radio e a súa televisión.

Para o Colexio de Xornalistas, a mellor achega a estes obxectivos que pode facer o Consello de Administración da CRTVG é a profesionalización dos seus membros e a súa implicación na defensa duns medios públicos, galegos e de calidade.

O CPXG celebrou hoxe a súa XI Asemblea na Faculdade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia