O CPXG expresa o seu pesar pola morte do xornalista de Antena 3 TV, Ricardo Ortega

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) expresou o seu pesar pola morte do xornalista Ricardo Ortega, correspondente de Antena 3 TV, tiroteado cando cumpría a súa misión informativa en Haití.
O CPXG fixo chegar os seus testemuños de solidariedade á familia e á redacción de Antena 3 TV, ó tempo que subliñaba a súa preocupación pola seguridade dos xornalistas en ámbitos de crise e violencia.

O CPXG fai votos para que o recurso da violencia, en Haití e noutros escenarios, sexa superado polo diálogo máis pronto que tarde.

O CPXG lamenta a perda de tódalas vidas humanas, pero no caso dos xornalistas chama, unha vez máis, a atención sobre a necesidade de garantir a súa seguridade que, a súa vez, é garantía da necesaria información para a sociedade.

Xunto coa morte de Ricardo Ortega, o Colexio considera necesario lembrar que son xa nove os xornalistas españois mortos en acto de servicio dende 1980. Na memoria de todos permanece José Couso, camarógrafo de Tele5, asasinado hai once meses cando traballaba no Hotel Palestina en Bagdad (Irak).