O CPXG fai as súas achegas ao proxecto de Estatuto Profesional e de Consello de Informativos da CRTVG

Sede da CRTVG en San Marcos (Foto: CRTVG)

O CPXG transmitiulle este martes á Comisión de Regulamento do Consello de Administración da CRTVG as súas consideracións sobre as características que debe recoller o Estatuto Profesional da compañía pública galega, e particularmente sobre o Consello de Informativos que contempla.

A Asemblea do Consello de Europa recomendou xa en 1993 a creación dos Estatutos Profesionais para garantir a liberdade dos informadores fronte á propiedade dos medios ou dos grupos de presión. Os Estatutos Profesionais deben fixar os dereitos e deberes dos profesionais e os principios deontolóxicos que deben observar no seu traballo, e tamén recollen a creación de Consellos de Informativos como órganos democráticos de participación para garantir a independencia e o amparo dos profesionais. O Estatuto Profesional da CRTVG, segundo o CPXG, é unha parte esencial da política de responsabilidade social corporativa e de transparencia que debe ter un medio público, para fixar as liñas mestras do labor informativo en TVG, RG e os medios interactivos e asegurar que ese traballo se inscriba nos parámetros deontolóxicos da profesión periodística. Fixa as regras do xogo para a elaboración das noticias e para o cumprimento dos mandatos de liberdade de información e de expresión que ten a cidadanía.

Respondendo o convite da Comisión de Regulamento e Réxime Interior da CRTVG, o vicedecano Xosé Manuel Pereiro transmitiu as achegas do CPXG na sesión celebrada este martes. O representante do Colexio de Xornalistas sinalou que o Estatuto debe garantir o desenvolvemento da carreira profesional dos informadores, para que poidan postularse libre e publicamente a calquera posto, e que os cambios de posto ou funcións dun informador non poden ir en detrimento da súa traxectoria e dignidade profesional.

No que respecta ao Consello de Informativos, Xosé Manuel Pereiro mostrouse partidario de que a elección de representantes se realice mediante votación entre candidaturas unipersoais, por un censo electoral composto por todos aqueles traballadores que, independentemente da súa categoría laboral, desempeñen o seu labor en aspectos informativos, e que acade a presidencia a persoa máis votada. A paridade de xénero debería asegurarse, se non deriva das votacións, promocionando a seguinte persoa que permita cumprila. Formar parte do Consello de informativos, sinalou o vicedecano, é incompatible coa condición de cargo directivo, membro do comité de empresa ou liberado sindical. Os membros do Consello deberían dispoñer dun número determinado de horas libres remuneradas para desempeñar o seu labor.

As funcións do Consello, segundo o criterio do Colexio, consisten en establecer unha vía de comunicación bidireccional entre a redacción e a dirección, mediando, de oficio ou a petición de parte, nos conflitos profesionais que poidan xurdir; contemplar o amparo dos profesionais, se así o solicitan; participar na elaboración do libro de estilo e propoñer deseños de coberturas informativas ou melloras nas mesmas; facer propostas non vinculantes para a designación de cargos ou promover referendos sobre os nomeamentos; elaborar para o Consello de Administración un informe con periodicidade anual e sempre que consideren que se infrinxiron os principios deontolóxicos ou que se produciu unha mala praxe informativa.

Finalmente, o representante do CPXG felicitou á Comisión de Regulamento por afrontar a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, como dispón a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia. Xosé Manuel Pereiro tamén agradeceu a oportunidade de achegar os puntos de vista do organismo representativo dos periodistas.

CPXG