O CPXG lamenta a actitude de Manuel Vázquez

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) esixe a todos os partidos políticos e, en especial, aos líderes que os representan, que manteñan o necesario respecto polo labor que desempeñan os xornalistas.
O CPXG, como entidade de dereito público que representa por lei do Parlamento de Galicia aos periodistas galegos, quere amosar o seu malestar pola actitude irrespectuosa coa que o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez, respostou hoxe a unha pregunta sobre o decreto do carbón formulada por un xornalista da Televisión de Galicia, ao dirixirse ao profesional nestes termos: "Estamos aquí porque o Executivo galego ao que vostedes representan con esas preguntas claves de la Televisión de Galicia para manipular as roldas de prensa non puxo nin un só euro nisto".

Esta Xunta de Goberno, lembra ao dirixente socialista que os xornalistas non representan a ningún goberno, e que de ningún xeito está xustificado que desafogue cos seus traballadores o seu malestar sobre un medio de comunicación. Asemade, o Colexio agarda que a Compañía de Radiotelevisión de Galicia cumpra o compromiso adquirido polo seu director xeral nunha comparecencia no Parlamento de Galicia, de que o medio público ía aplicar un xornalismo "incisivo" e recórdalle que as preguntas deben ser atinadas e incómodas para todos, e non soamente para unha parte.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)