O CPXG lamenta a supresión de informativos e deportes da Cadena Dial en Ferrol

O pasado 31 de xullo, a emisora de Cadena Dial en Ferrol deixou de emitir os seus espacios de informativos e deportes para a comarca. A Xunta de Goberno do CPXG lamenta esta decisión, que supón o despedimento de dous profesionais nunha empresa que tiña unha gran tradición e peso entre os radioíntes de Ferrolterra.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sente esta noticia que reduce aínda máis a pluralidade informativa do espazo de comunicación galego, redundando ademais na precarización laboral da profesión xornalística. A desaparición dos servicios informativos e deportivos de Cadena Dial en Ferrol rematan de apuntalar o progresivo desmantelamento dos medios de comunicación na cidade, onde xa pecharan as súas portas a emisora de Localia e a delegación territorial da CRTVG.

Dial Ferrol ofrecía varios boletíns desde primera hora da mañá co repaso diario das novas da cidade. Ademais diso, daba tamén a información do tempo e o tráfico e un informativo diario de trinta minutos de luns a venres e quince os sábados con reportaxes propias e entrevistas en profundidade.

A franxa deportiva ofrecía a diario outra media hora de información cos resultados das equipas e atletas da cidade en todas as disciplinas e categorías desde o deporte base ate ós deportistas xa consolidados.

A emisora continuará aberta, agora sen programación local, para insertar os bloques publicitarios.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia