O CPXG lamenta o peche de Popular TV Galicia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta o peche inminente da canle Popular TV Galicia, que deixará de emitir e cesará os traballadores a partir do 31 de xullo, e expresa a súa solidariedade co persoal.
O CPXG sente esta decisión que deixa sen traballo a unha vintena de profesionais da comunicación, entre eles ao redor dunha ducia de contratados, máis colaboradores e bolseiros. Pero, ademais, para o CPXG a perda dun medio de comunicación, empobrece a diversidade informativa e implica un deterioro da pluralidade necesaria na nosa sociedade. Calquera voz calada prexudica polo tanto a toda a cidadanía, especialmente cando, como neste caso, se trata dunha canle autonómica que ofrecia información de proximidade.

A Xunta de Accionistas de Popular TV Galicia, formada polos bispos das cinco dioceses galegas, tomou a decisión de pechar a canle o pasado 21 de xuño, segundo informan nun comunicado, debido á "imposibilidade económica de manter o proxecto". Popular TV fóra unha das dúas licenzas autonómicas adxudicadas no 2005 e a primeira cadea privada de Galicia en iniciar as emisións, o 9 de outubro do 2009.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
5 de xullo de 2013