O CPXG lamenta o peche de Vía V e teme pola reestruturación de V Televisión

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta o remate do programa de debate Vía V, de V Televisión, polo que supón de peche dunha fiestra de pluralismo no panorama televisivo galego. Obviamente, a dirección de calquera cadea ten o dereito de definir a súa grella como considere axeitado aos seus obxectivos, pero non deixa de ser unha perda que se clausure un programa de debate nunha das dúas únicas canles de ámbito autonómico que existen en Galicia. 

Así mesmo, a renuncia voluntaria ao buque insignia da programación da cadea non fai abrigar esperanzas sobre que o modelo de reestruturación que emprenderá V Televisión vaia reforzar a profesionalidade e o emprego no medio. Por iso, solidarizámonos co equipo de Vía V, e agardamos que as reformas da cadea supoñan a medio prazo a súa consolidación. 

Non podemos deixar de sinalar que a Administración autonómica debe ser a garante de que se cumpran as condicións nas que se desenvolven as concesións de frecuencias de radio e televisión, e que a outra canle televisiva de ámbito galego concedida no seu momento –Popular TV- está inactiva desde hai anos, o que é motivo máis que suficiente para o seu rescate.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia