O CPXG lembra a necesidade de seguir as recomendacións sobre o tratamento de catástrofes e traxedias

Ante os recentes sucesos en Barcelona e Cambrils, e a cobertura posterior nos medios de comunicación, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere volver transmitir as súas condolencias ás vítimas e reiterar a necesidade de que os responsables dos medios sigan as recomendacións para tratar este tipo de informacións.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten á disposición de toda a comunidade xornalística un Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe que poden aplicarse neste caso, ademais das recomendacións xenéricas do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego. Ademais, o Col·legi de Periodistes de Catalunya, xunto co Consell de l’Audiovisual de Catalunya, vén de publicar hai pouco unhas Recomanacions sobre la cobertura informativa d’actes terroristes que son tamén de especial interese para unha cobertura axeitada destes acontecementos.

Impedir a espectacularización, respectar a intimidade das vítimas, evitar a aparición de mensaxes socialmente irresponsábeis ou non de entorpecer o labor policial son algunhas das cuestións nas que cómpre ter especial coidado á hora de informar sobre este tipo de traxedias. O exercicio dun xornalismo responsábel é, ante traxedias como esta, máis necesario que nunca.

CPXG