O CPXG lembra que o xornalismo é necesario para a paz e reclama acabar cos ataques ao seu exercicio en Gaza

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai un chamamento á necesidade de cesar, dunha vez por todas, os ataques á liberdade de prensa que se están a dar no seo do conflito entre Israel e Palestina. O deterioro e mesmo o bloqueo total de información na Franxa de Gaza son unha agresión aos dereitos de todo o mundo e, moi especialmente, das poboacións directamente afectadas, e só van redundar nun aumento dos enfrontamentos, que provocarán cada vez máis dor e vítimas mortais.   

O recrudecemento do conflito entre Israel e Palestina na Franxa de Gaza vai camiño de se converter nun dos máis devastadores para a profesión das últimas décadas. Segundo datos do Commitee to Protect Journalists, xa son 23 os xornalistas mortos e mortas desde o sete de outubro: dezanove palestinos, tres israelís, e un libanés, nun reconto macabro que segue a aumentar cada día e ao que se poderían sumar aínda tres xornalistas desaparecidos e ducias de casos sen confirmar. Aínda é preciso determinar cantos destes comunicadores e comunicadoras morreron mentres estaban a realizar o seu traballo, pero algúns dos casos, como os tres mortos do 9 de outubro nun ataque israelí contra unha zona que acolle as sedes de varios medios, parecen especialmente dirixidos contra o dereito de información. De calquera xeito, as cifras actuais xa presentan un panorama que fai necesario elevar a voz contra a matanza de xornalistas. Como comparación, desde o comezo dos enfrontamentos entre Rusia e Ucraína no 2014, foron 17 os comunicadores mortos no conflito. 

Con todo, non debemos ficar apenas na repetición de cifras de xornalistas asasinados. Os mortos son só a punta do iceberg dun contexto marcado cada vez máis polos ataques á liberdade de información. A nova lexislación en Israel que permite o peche de medios e a incautación dos seus equipos, a detención de xornalistas, a retirada de credenciais, as trabas a informar, os numerosos ciberataques contra medios de comunicación ou as agresións físicas están a ser a tónica habitual dos últimos días, nunha espiral que non cesa de aumentar. A situación é especialmente sensíbel en Gaza, que segue a sufrir bombardeamentos e ataques de todo tipo contra os medios, mais a liberdade para traballar en Israel ou Cisxordania, tanto de xornalistas locais como internacionais, está cada vez máis deteriorada. E, mentres tanto, a desinformación continúa a abrirse paso en redes e medios controlados. 

A verdade sempre é a primeira vítima dun conflito bélico, mais o caso da Franxa de Gaza, sometida a un bloqueo que a converte nun deserto informativo, é practicamente único na historia. Como recorda o Sindicato de Xornalistas Palestino, non existen actualmente profesionais estranxeiros que informen desde alí ou teñan permiso para accederen á zona. A isto é preciso sumar as restricións de electricidade ou telecomunicacións que fan moi difícil que o traballo dos e das xornalistas gazatís poida chegar ao exterior, e por suposto todos os ataques que están a sufrir aos que nos referimos anteriormente. Á sempre lamentábel perda de vidas humanas engádese aquí a imposibilidade dunha cobertura independente sobre a guerra, que non pode senón significar unha perda de liberdade tanto para a sociedade internacional en xeral como para a poboación de ambas as dúas partes do conflito, que se ven privadas así da súa capacidade de reflectir sobre a situación desde unha perspectiva que vaia alén das mentiras da propaganda de guerra. 

O camiño para a paz en Israel e Palestina terá que pasar necesariamente polo respecto aos dereitos humanos e á lexislación internacional, e iso implica tamén cumprir escrupulosamente coas liberdades de prensa e información. Sen xornalistas e medios de comunicación que informen de maneira independente e libre, os vindeiros anos só significarán un aumento da violencia de ambas as dúas partes, unha maior deshumanización do contrario e o enquistamento dun conflito que xa provocou demasiada dor e demasiadas vítimas. O bo xornalismo tamén ha de ser un instrumento para o entendemento, a reconciliación e a recuperación de dereitos. Mais para iso é urxente acabar con todos os ataques ao labor de informar.  

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia