O CPXG lémbralle ao RCD da Coruña que en democracia non se pode comerciar co dereito á información dos cidadáns

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera moi grave e atentatoria contra o dereito á información a esixencia de cobro por parte do RCD de A Coruña a xornalistas de La Voz de Galicia e de Radio Voz por acceder ás instalacións do Estadio Municipal de Riazor. O CPXG celebra a claridade e a contundencia coa que a Sección Segunda da Audiencia Provincial de A Coruña dictou sentencia condenatoria contra esa actuación do RCD de A Coruña, declarando o dereito dos xornalistas de La Voz de Galicia e de Radio Voz a acceder libre e gratuitamente ó Estadio de Riazor e ás dependencias anexas para obter información.
O CPXG reitera que nunha democracia o dereito á información ten que estar na base de tódolos demais dereitos; cando non se respecta, estanse mutilando outros dereitos básicos e estase atacando directamente a nosa condición de cidadáns libres. Nunha sociedade democrática, ninguén ten dereito a comerciar co dereito á información, porque se está apropiando de algo que non lle pertence, xa que os titulares do dereito á información son os cidadáns e non os titulares das accións de ningunha empresa. Tal como afirma a sentencia referida, a pretensión do RCD de A Coruña de cobrar por permitir informar é unha extralimitación do lexítimo ánimo de lucro e da garantía constitucional da liberdade de empresa.

O CPXG de Galicia solicítalle á xunta directiva do RCD de A Coruña que busque fórmulas amparadas pola Constitución Española para defender o que considere os seus lexítimos intereses e renuncie ó que a sentenza cualifica de "represalias", neste caso contra un determinado grupo empresarial que está facendo uso dos dereitos fundamentais e liberdades públicas amparadas polo artigo 20 da nosa Constitución.

Como corporación de dereito público creada por lei do Parlamento de Galicia, o CPXG ten que defender os dereitos e os intereses dos xornalistas galegos, para que poidan exerce-la súa profesión conforme ós criterios e principios deontolóxicos polos que deben rexirse. Tamén ten como deber este órgano de representación de tódolos xornalistas galegos, velar polo dereito dos cidadáns a recibir información veraz e plural.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2005