O CPXG manifesta a súa preocupación pola negativa en conceder axudas oficiais a EMUGA e ameaza de recortes económicos e laborais en Ames Radio

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) manifesta a súa fonda preocupación pola negación de axudas da Xunta de Galicia para radios ás 17 emisoras que emiten en galego.
Por outra banda quere tamén manifestar a súa inquedanza polos posibles recortes orzamentarios consecuencia da proposta de modificación de RPT do Concello de Ames que se atopa nestes momentos nunha mesa de negociación cos sindicatos.

O CPXG quere así facerse eco das denuncias presentadas por colexiados e reivindicar o labor da radio municipal como servizo público á cidadanía e garante da liberdade de expresión e comunicación cun especial papel de información e proximidade no ámbito local, ademais de difusión da lingua galega.

Segundo poñen de manifesto dende as Emisoras Municipais Galegas, a Xunta de Galicia vén de enviarlles unha resolución "non admitindo" a súa solicitude para acollerse ás bases de subvención para empresas de radiodifusión e Internet publicadas no presente ano 2011. EMUGA presentou o seu proxecto de Radiofusión, unha programación de radio 24 horas en galego, que sirven á totalidade das emisoras municipais, mediante unha liña de satélite, para completar os espazos locais. "A resolución ven supoñer un paso máis, despois da eliminación das axudas ás emisoras municipias que viña outorgando a Xunta nos últimos 15 anos e ademais excluíron a Radiofusión de toda canta campaña de publicidade encargan dende as diferentes consellerías dende as eleccións autonómicas do 2009", afirman dende as Emisoras Municipais Galegas. Así mesmo, indican que a Xunta utiliza unha "trécola xurídica" para deixar fora a Radiofusión das axudas, "pero sabemos que non ten ningunha base legal e iremos ata onde poidamos para defender os nosos dereitos como medio de comunicación".

No caso do Concello de Ames, agora mesmo está freada a súa reforma laboral á espera de propostas sindicais. A Alcaldía, que aceptou agardar a que os representantes dos traballadores realicen as súas suxestións, propuxo unha modificación da vixente relación de postos de traballo asinada a o 11 de novembro de 2011, onde se recolle que "considérase necesario suprimir o servizo de radio municipal, tratándose ao igual que nos demais casos dun servizo de carácter non necesario e procedendo polo tanto á amortización dos dous postos de periodista-redactor e o de locutora por circunstancias obxectivas de carácter económico, organizativo, técnico e de produción". Esta proposta, que afecta tamén a outros servizos como animación á lectura, normalización lingüística ou medio ambiente, suporía a eliminación de Ames Radio, un medio que, segundo o comunicado dos traballadores, "desde a súa posta en funcionamento, hai catro anos, a Radio Municipal actuou como canle de expresión da actividade e das necesidade dos distintos sectores da sociedade amesán.

Cómpre destacar a súa estreita relación, a través de espazos especificos, coa comunidade educativa e cos sectores sociais, culturais e empresarias do Concello".

Nun contexto de crise no sector xornalístico, que incide con especial virulencia na desaparición de medios en galego –tal e como vén denunciando este Colexio-, faise especialmente necesario o apoio a estes medios locais con ampla difusión na nosa lingua e aos seus traballadores. O Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, manifestou en reiteradas ocasións a súa vontade de continuar apoiando os medios en galego, polo que neste caso faise necesario lembrarlle as súas promesas e esixirlle o seu cumprimento. Por esta razón, o CPXG solicita ao Concello de Ames e á Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e ao Concello de Ames que rectifiquen as súas decisións e tomen en consideración a importancia social e o valor que estes servizos públicos municipais compren coa cidadanía galega.

Xunta de Goberno do Colezio Profesional de Xornalistas de Galicia