O CPXG participa dunha xornada de traballo co resto de colexios de xornalistas en Sevilla

Francisco González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, participa este sábado 4 de marzo na xuntanza estatal dos colexios de xornalistas en Sevilla.

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco González Sarria, vai participar este sábado 4 de marzo nunha xornada de traballo en Sevilla co resto de colexios profesionais de xornalistas do Estado. A xornada, organizada polo Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía, quere pór en común proxectos e inquedanzas no ámbito profesional e avanzar na necesidade de articulación dos órganos colexiais da profesión.

Así, un dos obxectivos da reunión e o de avaliar a posíbel conformación no futuro dun Consello de Colexios Profesionais de Xornalistas, que articule dalgún xeito os esforzos colectivos dos distintos colexios, entre eles a colexiación obrigatoria para o exercicio da profesión, que xa foi solicitada hai uns anos. Tamén se vai aproveitar para presentar o Acordo do Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística, impulsado polo colexio andaluz e ao que vén de sumarse o CPXG. Así mesmo, poranse en común a experiencia de cada unha das entidades e analizarase a situación doutros territorios que, como Canarias, están a tentar constituír un colexio de xornalistas. 

Na xuntanza van participar todos os colexios de xornalistas existentes neste momento no Estado, que inclúen, ademais dos de Galicia e Andalucía, o Col·legi de Periodistes de Catalunya, o Colegio Oficial de Periodistas de la Región de Murcia, o Colegio Profesional de Periodistas de Castilla y León, o Colegio Vasco de Periodistas-Kazetarien Euskal Elkargoa, o Colegio Profesional de Periodistas de La Rioja, o Colegio Profesional de Periodistas de Asturias. Ademais, contará cunha participación da xestora que está a impulsar o Colegio Navarro de Periodistas-Nafarroako Kazetarien Elkargoa, actualmente en proceso de constitución.

CPXG