O CPXG presenta alegacións ao anteproxecto de lei da violencia vicaria
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou a semana pasada un documento de alegacións ao texto do Anteproxecto de Lei Orgánica de medidas en materia de violencia vicaria. As emendas propostas polo Colexio queren corrixir o risco de que a lei se aplique de maneira extensiva a xornalistas, resultando nunha colisión co dereito á información, sen que iso signifique menoscabar o espírito da norma.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de presentar alegacións ao Anteproxecto de Lei Orgánica de medidas en materia de violencia vicaria presentado recentemente de maneira conxunta polos ministerios de Igualdade; Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes; e Mocidade e Infancia. As achegas pretenden, sen desvirtúar o espírito do anteproxecto (protexer as vítimas e evitar a súa revitimización), introducir medidas que corrixan o risco claro de censura indirecta e colisión co dereito á información que presentaba o texto proposto no anteproxecto.
O Colexio de Xornalistas advirte, no documento de alegacións, que o feito de que anteproxecto prevea a posibilidade de impoñer como pena a prohibición de publicar ou difundir información relativa aos delitos cometidos, mesmo a través de terceiros, "introduce unha restrición que, na práctica, pode impedir os xornalistas realizar entrevistas, recabar testemuños ou documentar feitos de relevancia pública" e lembra que o Código Penal xa contempla figuras que castigan a revelación de datos persoais, polo que "non é preciso ampliar o marco sancionador a costa do dereito fundamental a informar".
Para preservar a liberdade de prensa e o dereito da cidadanía a recibir información veraz, propóñense cinco emendas que sirvan para reducir o risco de que a norma se aplique de maneira expansiva ou ambigua, circunscribir o alcance da pena ao autor sen estendela a terceiros, protexer o traballo xornalístico realizado de boa fe e conforme aos estándares deontolóxicos e reforzar as garantías constitucionais, asegurando un control estrito caso por caso.
Pode consultarse aquí o documento de alegacións presentado polo Colexio.
CPXG