O CPXG realiza recomendacións para evitar a propagación da Covid-19 por aerosois no ámbito do xornalismo

O Colexio de Xornalistas publica unha serie de consellos para reducir a propagación do coronavirus por medio de aerosois nos ambientes de traballo das e dos profesionais da información. A través da conta de Twitter, trasladaranse as recomendacións, realizadas a partir das achegas do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), a Dirección Xeral de Saúde da Consellaría de Sanidade e os distintos colexios médicos de Galicia.
 
A demostración científica de que a transmisión do SARS-CoV-2 aumenta en lugares cerrados, mal ventilados, con afluencia, e onde as medidas de distanciamento e prevención non se manteñen durante todo o tempo, veu engadir un elemento de preocupación máis á profesión. Por iso, e tras a recepción de queixas e dúbidas relacionadas co desenvolvemento dalgunhas roldas de prensa ou do traballo nas propias redaccións, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) trasladou unha consulta aos distintos colexios médicos de Galicia, o Instituto de Seguridade e Saúde laboral (ISSGA) e a Dirección Xeral de Saúde da Consellaría de Sanidade para solicitarlles recomendacións específicas a este respecto. 
 
A partir das súas achegas, realizáronse unha serie de recomendacións adaptadas ao exercicio do xornalismo, que se compartirán a través da conta de Twitter do Colexio baixo o cancelo #informacióncontraovirus e tamén neste enlace, co obxectivo de reducir o perigo de propagación da Covid-19 e a aparición de novos gromos entre a nosa profesión. Estas indicacións tratan temas como o uso da máscara, o mantemento da distancia interpersoal, a redución da emisión de aerosois, a limpeza ou as medidas para garantir unha correcta ventilación.
 
O Colexio recorda igualmente que os empregadores e as empregadoras dos medios de comunicación teñen que abordar a repunta de coronavirus como unha crise de saúde e seguranza e cumprir co seu deber de coidar e protexer o seu cadro de persoal, que ten dereito a un entorno laboral seguro e saudábel e a non acudir ao traballo cando exista risco de contaxio. 
 
 
Outros recursos e consellos a seguir para a práctica xornalística en tempos de covid: 
 

 

CPXG