O CPXG solicita que a Xunta suspenda a concesión de premios aos xornalistas por considerala impropia dun réxime democrático

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Vega, no nome da Xunta de Goberno que representa, expresou hoxe a súa desconformidade coa concesión de premios aos xornalistas e aos medios de comunicación por parte dos poderes políticos por considerala impropia dun sistema democrático.
Vega, que foi convidado a participar no xurado de dous dos ‘Premios Galicia de Comunicación 2006’, redactou unha carta dirixida ao presidente do mesmo na que solicita que se suspenda a concesión destes galardóns. Trala lectura da misiva ante o xurado dos premios que concede a Xunta de Galicia, o representante do Colexio abandonou a reunión.

O CPXG entende que o xornalismo en democracia debe ter unha función de contrapoder, e por iso o seu labor debe ser recoñecido por outro tipo de organizacións representativas da sociedade civil, nunca polas institucións públicas porque se poñería en perigo a súa independencia. Na carta, Xosé Manuel Vega aproveita ademais para realizar unha crítica á actual xestión das relacións da Xunta de Galicia cos medios de comunicación tanto públicos como privados, e á despreocupación do goberno bipartito polas condicións nas que os xornalistas exercen a súa profesión, que indica o grao de liberdade co que traballan.