O CPXG solidarízase co persoal do 'Sport', novo exemplo da precarización do xornalismo
A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas solidarízase cos 29 traballadores, un 35% do cadro de persoal, despedidos do xornal Sport o pasado xoves 14 de decembro. Entre os afectados encóntranse xornalistas con máis de tres décadas de formación, algúns deles fundadores do xornal, e tres dos seus cinco fotoxornalistas, o que significa na práctica a desaparición da sección gráfica.
Por esta razón, o Colexio de Xornalistas asina o manifesto realizado polos traballadores deste diario contra os despedimentos e pola dignidade de toda a profesión xornalística. O manifesto apela á responsabilidade dos empresarios dos medios para respectar os xornalistas e fotoxornalistas, fai un chamamento á solidaridade pública cos traballadores e afectados e reclama a posta en valor da autoría e a seguridade sobre a obtención e contraste da información que dá a produción propia. Ademais, salienta o valor do fotoxornalismo como proba necesaria e testemuño da realidade.
O Colexio de Xornalistas fai un chamamento a todo o conxunto do xornalismo galego para asinar o manifesto dos traballadores do Sport a través deste enlace. A situación destes xornalistas é un exemplo salvaxe da realidade actual que vive toda a profesión, marcada pola falta de liberdades e a precarización.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia