O decano do CPXG reúnese cunha representación dos partidos asinantes do manifesto 'A cidadanía ten dereito a coñecer'
No cadro dos contactos que se están a desenvolver coas forzas políticas para lles trasladar os problemas do xornalismo galego, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, reuniuse este xoves en Ourense con representantes dalgunhas das organizacións extraparlamentarias que veñen de asinar o manifesto A cidadanía ten dereito a coñecer no que reclaman un tratamento informativo igualitario.
O decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, reuniuse onte en Ourense con Pastora Fernández, de RecortesCero; Fran Fraga, de Espazo Comun; José Manuel Soto, de Contigo Somos Democracia; Julio Ramos, da Coalición de Centro Democrático e Rafael Fernández, de Por Un Mundo Máis Xusto. Os participantes acudían en representación das quince organizacións que presentaron recentemente o manifesto A cidadanía ten dereito a coñecer.
Sarria trasladoulles aos representantes políticos os principais problemas do xornalismo galego de cara ás vindeiras eleccións galegas. Entre os retos para a nova lexislatura destacan algúns como a aprobación do Estatuto do Xornalista Profesional e a Lei de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía, o modelo de medios públicos, a xestión da información electoral, as axudas aos medios e a publicidade institucional, os dereitos das mulleres ou a creación do Consello da Comunicación de Galicia.
Os representantes das organizacións políticas trasladáronlle ao Colexio de Xornalistas o contido do seu manifesto, que reclama que "todas as candidaturas deben recibir un trato democrático, flexible e compensatorio nos medios de comunicación". Entre os asinantes do documento encontranse boa parte das forzas extraparlamentarias que se presentan a estas eleccións galegas (PACMA, Recortes Cero, Espazo Común, Os Verdes, Vecinos Municipalistas, Por Un Mundo Máis Xusto, Escanos en Branco, Coalición de Centro Democrático - Autónomos, UpyD, Unidos por el Futuro!, Unificación Comunista de España e Contigo Somos Democracia), ademais doutras organizacións como Somos Ribadumia, Long Hope ou SAIn.
CPXG