O Diario Público comprométese na loita contra a violencia de xénero

Por primeira vez en España un periódico, Público, dótase dun Código autorregulatorio para informar sobre a violencia de xénero. Desde que este grave problema social saíu á luz grazas ós medios de comunicación, publicáronse varias guías con recomendacións e normas para o seu tratamento xornalístico.
Porén, ata agora ninguén se comprometera a cumprilas. En Público queren facelo. O seu decálogo recolle algunhas propostas dos principais especialistas na materia e conta co asesoramento de Pilar López Díez, experta en comunicación e xénero.

A partir de agora, os redactores de Público comprométense a que o seu decálogo sexa de obrigado cumprimento e piden ós seus lectores que así llo esixan.

O DECÁLOGO DE PÚBLICO

1. Usaremos os termos "violencia de xénero", "violencia machista", "violencia sexista" e "violencia masculina contra as mulleres", por esta orde. Rexeitamos as expresións "violencia doméstica", "violencia de parella" e "violencia familiar" (*).

2. A violencia de xénero non é un suceso, senón un problema social. Por iso, non lle daremos este tratamento. Non publicaremos fotos nin detalles morbosos.

3. Nunca identificaremos ás vítimas nin incluiremos información que poida prexudicalas a elas ou ó seu contorno.

4. Respectaremos sempre a presunción de inocencia dos agresores. Unha vez haxa sentenza condenatoria, identificarémolos debidamente, destacaremos o castigo e tentaremos incluílo nos titulares.

5. Nunca buscaremos xustificacións ou "motivos" (alcol, drogas, discusións…). A causa da violencia de xénero é o control e o dominio que determinados homes exercen contra as súas compañeiras.

6. Evitaremos as opinións de veciños ou familiares que non fosen testemuñas directas dos feitos. En calquera caso, nunca recolleremos opinións positivas sobre o agresor ou a parella.

7. Tentaremos ofrecer opinións de persoas expertas na materia. Priorizaremos as fontes policiais e da investigación. Non se informará con precipitación.

8. Só incluiremos testemuños de vítimas de malos tratos cando non se achen en situación de emerxencia ou baixo calquera tipo de presión.

9. Denunciaremos tamén a chamada violencia continuada (agresións, maltrato psicolóxico… aínda que non teña resultado de morte).

10. Sempre incluiremos na noticia o teléfono gratuíto de axuda ás vítima (016) e calquera outra información que lles poida ser útil.

(*) Aínda que a RAE non acepta oficialmente, polo momento, a expresión violencia de xénero, si o fai na edición do seu Dicionario Panhispánico de Dúbidas (outubro, 2005). Tamén o Dicionario de Español Urxente (Axencia Efe, 2000) afirma que o termo "xénero" se emprega "para describir o distinto comportamento de homes e mulleres na sociedade segundo as distintas condicións en que se moven: educación, familia, cultura, etc."

PÚBLICO
MADRID