O FOP reivindica os dereitos de autor dos xornalistas e que se regule o segredo profesional

O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP)* reclama que se recoñeza o dereito dos e das xornalistas a que se respecte a integridade da súa obra, que se lles recoñeza como autores individuais e que reciban unha compensación material pola súa difusión ou pola súa reutilización. Unha publicación periódica non é unha obra colectiva, senón unha obra complexa na que distintos autores inseren diversos traballos, como pode ser unha crónica, unha análise ou unha reportaxe, ademais de incluír outros contidos.

As organizacións que integran o FOP, que levan anos defendendo os dereitos de autor dos profesionais da información, piden ao Goberno que, agora que ten que transpor á lexislación española a Directiva Europea 2019/790, recoñeza e regule os dereitos de autor dos profesionais da información.

O FOP pide tamén ao Executivo e aos grupos políticos do Congreso dos Deputados que promovan unha lei reguladora do segredo profesional dos xornalistas para asegurar a liberdade de prensa e o exercicio da profesión xornalística no noso país. É un mandato da Constitución, que no seu artigo 20 establece: "A lei regulará o dereito á cláusula de conciencia e ao segredo profesional no exercicio destas liberdades".

Transcorreron máis de 42 anos desde que foi aprobada a Constitución e aínda non lexislaron sobre este dereito fundamental. Esta falta de desenvolvemento legal fixo posible que algúns xuíces requisaran móbiles e ordenadores a xornalistas e investigaran as súas fontes de información para atopar a orixe de determinadas filtracións, feito que vulnera o segredo profesional e socava a liberdade de prensa en España.

Ante a grave crise sanitaria e social que provocou a COVID-19, o FOP insiste en reclamar a todas as empresas de medios de comunicación que proporcionen aos seus informadores os equipos necesarios para protexerse da pandemia. Esta plataforma unitaria fai un chamamento a que se extremen as precaucións, tanto dentro como fóra das súas empresas. O traballo xornalístico é un servizo esencial para a cidadanía e a información veraz, contrastada e plural é fundamental para loitar contra o Coronavirus.

* O FOP está integrado por: Col.legi de Periodistes de Catalunya, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Agrupacións de Xornalistas de CCOO e UGT, Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) e UPIFC-Sindicat de la Imatge.

FOP