O Goberno británico quere reducir o dereito de acceso á información pública

Apenas dous anos despois de que o Reino Unido promulgara unha Lei de Liberdade de Información que garante ós cidadáns o dereito ó acceso a información en poder do Goberno, esta lei está baixo un forte ataque, advirten de ARTICLE 19, Índice da Censura e do International Press Institute (IPI).
IPI informa que o Goberno iniciou unha consulta pública para examinar os cambios propostos á lei que reducirían o número de peticións de acceso á información e aforrarían diñeiro. A consulta pública, que comezou en decembro de 2006, acaba o 8 de marzo de 2007.

Actualmente a lei esixe que os funcionarios gobernamentais respondan á petición se o custo de achar a información non excede de 450 libras para as autoridades públicas ou 650 libras para os departamentos gobernamentais. Calquera petición que supere esas cantidades pódese rexeitar.

Segundo un informe elaborado por un asesor do Goberno en outubro de 2006, o Goberno gasta anualmente 35 millóns de libras para procesar aproximadamente 120.000 solicitudes.

De se promulgar, a emenda inhibiría seriemente a capacidade de xornalistas e organizacións de medios de facer xornalismo de investigación, advirte o IPI.

Noutra iniciativa, un deputado presentou un proxecto de lei que busca deixar fóra do alcance da lei toda a correspondencia entre os deputados e as autoridades locais. Segundo o deputado David Maclean, a principal razón da lei é impedir que as cartas dos deputados a nome dos seus representados sexan dadas a coñecer ós medios e ó público.

Porén, ARTICLE 19 e Índice da Censura din que a exención só serviría para protexer ós funcionarios de ser escrutados e rendir contas. "Se o proxecto se converte en lei, crearase un escenario absurdo no que en virtude da lei toda a correspondencia sobre un asunto de política pública (poñamos por caso, o peche dun hospital) estará a disposición do público, agás a correspondencia dos deputados".

REINO UNIDO
PERIODISTAS-ES / IFEX