O Goberno pide ao TEDH que desestime a demanda polo caso Couso
A Avogacía Xeral do Estado ampárase na reforma da Lei de Xustiza Universal e solicita ao Tribunal de Estrasburgo que arquive a investigacion do caso Couso, asegurando que "non existiu violación algunha do Convenio Europeo de Dereitos Humanos" por parte de España.
Esta semana, a Avogacía do Estado solicitou ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo (TEDH) que desestime a demanda presentada pola familia do camarógrafo ferrolán José Couso, asasinado, xunto ao xornalista ucraíno Taras Protsyuk, no ataque do exército do Estados Unidos ao Hotel Palestine de Bagdad, onde se hospedaba a prensa internacional, en 2003.
O órgano, integrado no Ministerio de Xustiza, asegura que “non existiu violación algunha do Convenio Europeo de Dereitos Humanos por parte do Reino de España” e afirma que os tribunais españois realizaron unha "investigación xudicial plena" até que se realizou a reforma da Lei de Xustiza Universal. Precisamente, é esta reforma a que a familia Couso considera que significa unha vulneración do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, polo que elevaron a demanda a Estrasburgo no 2019.
Este 8 de abril faranse 18 anos da morte de José Couso e seguen a sucederse ás trabas á busca de xustiza contra a impunidade do seu asasinato. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa lamentou no seu día unha reforma que deixa indefensos aos xornalistas ou cooperantes en territorios onde se produzan conflitos armados. Desde 2004, ademais, xunto co Club de Prensa de Ferrol manten viva a memoria do camarógrafo ferrolán organizando o Premio de Liberdade de Prensa que leva o seu nome.
CPXG