O Goberno vasco denuncia os catro anos de peche de Egunkaria sen xuízo

O Goberno vasco denunciou os catro anos transcorridos desde o peche do periódico Euskaldunon Egunkaria sen que este caso "inxusto" e movido por un "impulso político" fose esclarecido.
Nunha declaración institucional lida pola súa portavoz, Miren Azkarate, ó termo do Consello de Goberno, o tripartito destaca que "un medio de comunicación foi cerrado e un grupo de persoas posto baixo sospeita sen que existisen probas para tal acusación, tal e como deixou claro agora o Fiscal".

Para o gabinete de Juan José Ibarretxe, a clausura do periódico foi unha medida "insólita nos países da Europa democrática e un feito inxusto, que se adoptou por un impulso político nos actos ordinarios da Administración de Xustiza".

A esta "inxustiza", engádeselle o tempo transcorrido sen que a Administración de Xustiza "fose capaz de resolver unha medida tan excepcional". O Goberno autónomo apunta neste sentido que "a tardanza en administrar xustiza é unha forma de inxustiza en si mesma".

Ademais, o Executivo subliña que, "se ben as denuncias de torturas realizadas por algunhas das persoas procesadas están en fase de investigación e poden rematar en xuízo oral", as denuncias formuladas por esta mesma causa polo director de Egunkaria, Martxelo Otamendi, "seguen sen se investigar e ningún xuíz o chamou para lle tomar declaración por este feito".

MADRID
PERIODISTAS-ES