O grupo de investigación da USC Novos Medios organiza un seminario online sobre IA na comunicación

O grupo de investigación Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, organiza o segundo seminario online A comunicación na era da intelixencia artificial: O papel dos medios de comunicación. A xornada formativa vai desenvolverse o vindeiro venres 27 de setembro, en horario das 12.00 ás 14.00 horas. A asistencia está aberta de maneira gratuíta, mediante inscrición previa, para profesionais da comunicación.

O seminario A comunicación na era da intelixencia artificial está coordinado por Xosé López García e Berta García Orosa, ambos os dous catedráticos de Xornalismo na USC, e vai contar coa participación de Manuel Gago, director de culturagalega.gal e profesor asociado da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e Alberto Quián, profesor da mesma facultade e experto en ética no ámbito dixital. As distintas intervencións examinarán o papel dos medios de comunicación e a súa relación co uso da intelixencia artificial.

Tras a presentación por parte dos coordinadores, a primeira ponencia do seminario correrá a cargo de Gago, que ás 12:10 tratará sobre a "A IA nos procesos de innovación de produtos xornalísticos: áreas e sectores con maior posibilidade de impacto a curto e medio prazo". Posteriormente, ás 13:00, Quián analizará as "Oportunidades, retos e riscos da intelixencia artificial xenerativa".

As charlas van realizarse online. A asistencia é aberta e gratuíta para persoas académicas, investigadoras e profesionais dos medios, previa inscrición a través deste formulario.

CPXG