O IES do Couto en Ourense recibe un novo obradoiro virtual de Xornalismo na Escola “la Caixa” este xoves

A quinta edición de Xornalismo na Escola "la Caixa", a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ regresa este xoves 17 de decembro ao  IES do Couto para impartir un novo realizarán obradoiro virtual, adaptándose así ás necesidades do alumnado no contexto da crise sanitaria. 

Tras os talleres realizados este mércores 16, o IES do Couto acollerá un novo obradoiro de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ este xoves, impartido pola xornalista Edith Filgueira Rodríguez, que se desenvolverá entre as 11:10 e as 13:10 horas. Filgueira Rodríguez é unha xornalista cun amplo currículo que abrangue ademais distintos labores na Axencia Efe, La Voz de Galicia, Onda Cero ou El Mundo

Estes obradoiros serán realizados coa nova modalidade que fixo nacer a situación sanitaria, a virtual, para adaptarse ás necesidades do alumnado. Ademais, os talleres incluirán a partir de agora un apartado sobre a Covid-19, para fornecer os estudantes con ferramentas para enfrontarse á desinformación neste tema e comprender mellor a información científica. 

O alumnado do IES do Couto participa así nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG