O IES do Couto inaugura este mércores a modalidade virtual dos obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa"

A quinta edición de Xornalismo na Escola "la Caixa", a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, retoma a súa actividade na provincia de Ourense este mércores 16 de decembro e faino con dous obradoiros no IES do Couto que se realizarán por primeira vez de forma virtual, adaptándose ás necesidades do alumnado no contexto da crise sanitaria. 

Tras a parada obrigada pola crise sanitaria e a suspensión das aulas en marzo, volven os obradoiros de xornalismo para escolares de 3º e 4º da ESO dos institutos de educación secundaria de Galicia, e fano nun momento no que son máis necesarios que nunca, cun panorama mediático invadido pola sobreinformación e as 'fake news'. De feito, os talleres incluirán a partir de agora un apartado sobre a Covid-19, para fornecer os estudantes con ferramentas para enfrontarse á desinformación neste tema e comprender mellor a información científica. 

Ademais, a nova situación sanitaria fixo nacer unha nova modalidade para a realización dos obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa", a virtual, que se estrea este mércores no IES do Couto de Ourense con dous obradoiros entre as 10.55 e as 12:20 e entre as 12:25 e as 13:55 horas. Os talleres estarán impartidos por Edith Filgueira Rodríguez, xornalista cun amplo currículo que abrangue ademais distintos labores na Axencia Efe, La Voz de Galicia, Onda Cero ou El Mundo. O xoves 17 realizarase aínda un novo obradoiro co alumnado do IES do Couto, en horario de 11:10 a 13:10 horas.

O alumnado do IES do Couto terá a oportunidade de participar así nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG