O IES Rosalía de Castro de Santiago acollerá esta semana a segunda edición de ‘Xornalismo na Escola’
O IES de Rosalía de Castro será o próximo instituto que participará desde este mércores na segunda edición de “Xornalismo na Escola”, unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ que busca achegar aos máis novos o xornalismo e os medios de comunicación a través dunha serie de obradoiros.
Neste centro están programados tres días de obradoiros, que correrán a cargo da xornalista Lucía Álvarez. O primeiro deles terá lugar o mércores, día 5 ás 09:00 da maña. O xoves o taller comezará ás 12:20. O peche terá lugar o venres ás 10:30, co último obradoiro. Serán todos eles impartidos a alumnos de 4º da E.S.O.
A proposta goza neste caso dun interese particular xa que os alumnos do centro véñenlle dando vida nestes últimos anos, á publicación dixital SQC+, que recibiu o 1º premio dun concurso promulgado polo xornal El País.
Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas como A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía.
Durante os meses de marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa polo éxito obtido na edición anterior. Barcelona, Sevilla e Madrid, son algunhas localidades onde se veñen celebrando talleres de similares características dende hai uns anos con gran éxito, aceptación e moi bos resultados.
CPXG