O III networking da Fundación Barrié e o CPXG debatirá sobre o 'storytelling' na información do terceiro sector

Networking celebrado o 18 de novembro de 2017

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Fundación Barrié organizan unha nova edición do seu networking dirixido a entidades do Terceiro Sector e profesionais da comunicación, que nesta ocasión se realizará baixo o título Storytelling no Terceiro Sector. A xornada terá lugar o martes 1 de outubro, na sede da Fundación Barrié na Coruña (Cantón Grande, 9) en horario de 10:00 a 14:30.

A inclusión de historias de vida, relatos cotiáns ou outro tipo de narrativas tense desvelado como unha eficaz ferramenta para incluír información das entidades sociais na axenda dos medios. “Contar unha historia”, o día a día das entidades sociais ou dos seus usuarios, permite  que os medios poidan transmitila á sociedade, achegando  a problemática á cidadanía  de maneira clara e sinxela. Co obxectivo de reflexionar sobre a función social dos medios como transmisores do terceiro sector e contextualizar as dificultades das entidades á hora de transmitir as súas historias, o networking Storytelling no Terceiro Sector reunirá a 20 entidades do Terceiro Sector Social e 20 xornalistas que traballarán en grupos mixtos coordinados por membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, profesionais con ampla experiencia no ámbito da comunicación.

Este networking é unha actividade gratuíta previa preinscrición, con prazas limitadas. Para solicitar a inscrición é preciso enviar un correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal ou cubrir o formulario da web da Fundación Barrié. O prazo de inscrición remata o 18 de setembro. No suposto de que o número de solicitudes presentadas no proceso de preinscrición for superior ás prazas ofertadas, a Fundación Barrié e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia realizarán unha selección en función dos perfís solicitantes co obxectivo de crear grupos de traballo mixtos homoxéneos. No caso das entidades sociais, darase prioridade ás que participaran nalgunha das actividades previas do Programa Más Social, así como a aquelas persoas que sexan as responsábeis da comunicación da entidade.

O networking incluirá ademais unha intervención das entidades sociais participantes na emisión en directo do programa Hoy por Hoy da Cadena Ser que terá lugar no Auditorio de la Fundación Barrié ás 12.30 h. Para isto vai solicitarse ás entidades sociais que teñan preparada unha historia (máximo 30 segundos) que sexa representativa do seu labor ou colectivo. O programa será emitido en toda a provincia de A Coruña así como vía streaming na web da Cadena Ser cun alcance ilimitado.

CPXG