O Mapa da Comunicación Rural en España recolle perto de 3.000 medios

O Mapa da Comunicación Rural en España, realizado pola Cátedra de Reto Demográfico e Despoboamento de Next Educación co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e a revisión da Red de Periodistas Rurales, identifica e analiza un total de 2.862 medios locais, 168 deles galegos, para coñecer mellor a distribución xeográfica das coberturas informativas e axudar a deseñar políticas de comunicación e promoción do territorio.

A Cátedra de Reto Demográfico e Despoboamento de Next Educación, co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, e coa revisión da Red de Periodistas Rurales vén de pór en marcha o primeiro Mapa da Comunicación Rural en España, que identifica e analiza os medios rurais de cada comunidade autónoma, provincia, localidade e comarca, así como das dúas cidades autónomas, para servir de ferramenta de coñecemento da distribución xeográfica dos medios e ao tempo detectar espazos de deserto informativo susceptíbeis de recibir políticas locais de comunicación e promoción do territorio.

O mapa recolle un total de 2.862 medios locais. No estudo destácase que o ecosistema mediático español está dominado por oito grupos empresariais: Planeta, Mediaset España, Prisa, Unidad Editorial, Godó, Vocento, Henneo e Prensa Ibérica, que concentran a maioría dos medios, mais que ao seu carón existen pequenos editores independentes pero con arraigo nas súas zonas de influencia, especialmente na contorna dixital. Identifícanse tamén zonas de sombra, onde non existen medios de comunicación, especialmente en Asturias, Castela e León, as provincias de Cuenca e Guadalaxara en Castela-A Mancha, Xaén en Andalucía e Tarragona e Lleida en Cataluña. 

No caso galego, o mapa inclúe 168 medios locais, repartidos entre A Coruña (78), Pontevedra (43), Lugo (26), e Ourense (21). Entre estes medios encóntranse axencias, xornais, medios dixitais e locais, publicacións especializadas, radios e televisións. 

CPXG