O martes 13 ás 19:00 remata o prazo para enviar candidaturas ao Premio Couso

Ás 19:00 horas do vindeiro martes 13 de marzo remata o prazo para enviar candidaturas á XIV edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol.

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.gal ou a través da web do Premio Couso

O día 20 de marzo anunciaranse as candidaturas definitivas. Entre o 20 de marzo e as 19:00 horas do 10 de abril, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios e socias do Club de Prensa, poderá votar as candidaturas. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. 

Esta prevista que a entrega teña lugar o 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, en Ferrol. Como cada ano o Concello de Ferrol cederá o teatro Jofre para celebrar os actos entre os que está previsto a actuación musical que cada ano ameniza o certame.

O Premio José Couso é un recoñecemento da profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de “Ás ceibes”.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As trece edicións anteriores foron para Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

CPXG