O PP apoiará os medios usen a lingua que usen

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, garantiu o "apoio" da Xunta a todos os medios de comunicación "con dificultades", á vez que subliñou que a utilización do galego non será un condicionante.
En resposta a unha pregunta parlamentaria do deputado do BNG Bieito Lobeira na que denunciou unha "discriminación" na repartición de subvencións que sofren as publicacións escritas integramente en galego, o titular de Presidencia reprobou que o Bloque trate de dar "unha imaxe deturpada da postura da Xunta de Galicia".

"Preocúpannos as dificultades de todos os medios nos que traballan galegos e teñen un público galego, preocúpanos o tecido comunicativo", salientou, para manifestar o seu desexo de que "superen as súas dificultades" tanto as empresas establecidas en Galicia como aquelas que utilizan a lingua de Castelao.

Enfronte, o nacionalista dixo que a chegada do PP a San Caetano hai un ano e medio supuxo o peche de dous diarios dixitais -Gz Nazón e Vieiros-, unha rede de promoción de noticias -Chuza!-, a versión dixital de A Peneira e "un medio de comunicación histórico que ata aguantou a ditadura franquista", en alusión a A Nosa Terra, actualmente en concurso de acredores. "Conceden as subvencións para a promoción do galego a publicacións que utilizan de forma abafadora o castelán e ata se rin de Galicia e deturpan os seus topónimos", acusou, para denunciar que "o equilibrio lingüístico" da Xunta supón outorgarlles a "ridícula" cantidade de 60.000 euros a "todos" os medios que publican integramente en galego e cinco millóns de euros ó resto. Pola súa banda, Rueda recordou que a Xunta ampliou as axudas a estes medios de comunicación ata os 400.000 euros e contrapuxo a contía actual cos 40.000 euros con que o Goberno bipartito inaugurou esta orde de axudas para normalización en 2007. "Non escoitei entón as súas críticas", espetoulle ó parlamentario do Bloque Nacionalista Galego.

Na súa quenda de réplica, reprobou que a ampliación da convocatoria de axudas se fai despois de que "peche" A Nosa Terra. "Cando pechen todos, poden ampliala ata os 10 millóns", protestou, para deixar claro finalmente que a cantidade establecida polo bipartito chegou ós 900.000 euros sumando tamén as subscricións das principais institucións da autonomía.

"Pero agora, suprimiuse a da Xunta e a do Parlamento", censurou Lobeira, quen criticou o "sectarismo" do Goberno autonómico e lle pediu que deixe de "disparar contra todo o que se move" e de "asfixiar economicamente" as publicacións en galego.

Sobre a ampliación da axuda, Rueda lamentou que o nacionalista vincule este aspecto cunha suposta "intencionalidade" da Xunta e indicou que estas sempre se efectivizan "nas mesmas datas". Recordou que o creador de Chuza!, Berto Yáñez, recoñeceu que o peche estivo motivado pola falta "de tempo".

Debate sobre A Nosa Terra

As afirmacións do deputado da formación frontista Bieito Lobeira respecto da subscrición a A Nosa Terra motivaron a intervención da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, no debate, para advertir a Lobeira de que estaba "faltando á verdade".

"Sorprenderíalle saber cando se deu de baixa o Parlamento", incidiu, tras o cal se comprometeu a facilitarlle unha carta remitida polo Gabinete de Comunicación da Cámara enviada ó director deste medio, Alfonso Eiré, no que sinala que "o último exemplar recibido mediante subscrición foi o de xaneiro de 2006". A continuación, na misiva puntualízase que o Pazo do Hórreo "recibía, a través do seu quiosco habitual e ata que deixou de editarse en papel, tres exemplares de "A Nosa Terra".

O propio Alfonso Eiré asegurou tras anunciar o concurso de acredores en A Nosa Terra que "a prensa, e sobre todo a prensa en galego, está nunha situación máis que crítica. Desde o franquismo non estaba tan mal" e considerou que "a chegada do Partido Popular supuxo un gran problema. É certo que hai unha crise, pero os primeiros e máis importantes recortes da Xunta de Galicia foron para a cultura galega e para os medios de comunicación", asegurou. E lembrou que están a "pechar librerías, editoriais e os sistemas creativos non teñen pulo", explicaba Alfonso Eiré.

EP
SANTIAGO