O proxecto Punto e Volta estrea a súa páxina web, puntoevolta.com
O proxecto audiovisual Punto e Volta, nacido ao abeiro da Bolsa Nacho Mirás de Novos Xornalistas, creada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con ABANCA, estrea hoxe a súa páxina web, puntoevolta.com.
Nela xa están accesibles catro das entrevistas realizadas nestes últimos meses, acompañadas de vídeos de pezas musicais e bailes. As persoas entrevistadas forman parte da historia e do presente do patrimonio cultural galego. Son parte do alumnado, do mestrado ou da cadea de transmisión oral, membros de distintas xeracións. O deste luns é a primeira mostra dunha labor máis ampla que será compartida na web de forma progresiva nas vindeiras semanas.
A páxina web de Punto e Volta divídese en dúas seccións. A primeira é a das entrevistas, divididas en vídeos curtos clasificados por temáticas, que intentan dar resposta a distintos interrogantes como a evolución da cadea de transmisión da cultura popular galega, os cambios experimentados na ensinanza da música e do baile tradicionais, os roles de xénero no baile ou a traxectoria vital das persoas entrevistadas: por que comezaron a tocar, bailar e ensinar, ou por que deixaron de facelo.
A segunda sección da web é a das pezas e bailes coas que estas persoas axudaron a enriquecer o proxecto. Xotas, muiñeiras, maneos ou pasodobres para quen desexe escoitar, aprender e desfrutar da música popular a través de quen a vive no seu día a día. Punto e Volta é unha iniciativa das xornalistas Olaia Tubío, Alejandro Gándara, Raquel Pérez e David Fontán.
A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador. Este proxecto naceu grazas ao apoio de ABANCA e conta coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
CPXG
Relacionada: Nace MediaMapa.gal, un dos proxectos premiados coa Bolsa 'Nacho Mirás'